Nova: López Campos erixe o Belén de Begonte como “símbolo do Nadal galego” e enxalza o seu valor cultural

29/11/2025

López Campos erixe o Belén de Begonte como “símbolo do Nadal galego” e enxalza o seu valor cultural

Salienta que se mantivese esta tradición durante máis de medio século e se lograse artellar ao seu redor “unha coidada programación cultural e artística”

Destaca o reforzo este ano da súa vertente cultural con dúas publicacións de poesía e un premio para artistas mozos

A montaxe poderá visitarse ata o 31 de xaneiro e, entre as novidades, incorpora máis figuras ao Nacemento e un mural de Diego As

Begonte (Lugo), 29 de novembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe o Belén de Begonte como “símbolo do Nadal galego” e enxalzou o seu valor cultural ao darlle “continuidade ás tradicións que son cerna do patrimonio inmaterial dun pobo e manteñen aceso o espírito comunitario e colectivo”. Fíxoo en calidade de pregoeiro da 54 edición desta instalación que se abre hoxe ao público, e ata o 31 de xaneiro, neste municipio lucense con máis de 150 pezas, gran parte delas autómatas, e está declarada Festa de Interese Turístico.

Na súa intervención, o titular de Cultura do Goberno galego salientou tamén o feito de que, ao longo do seu máis de medio século de existencia, o Belén de Begonte “non só acadou manterse no tempo, senón que logrou convertese nun epicentro cultural da contorna durante estas datas”. Así, gabou a “coidada programación cultural e artística” artellada ao redor desta celebración, onde puxo en valor “o apoio incondicional” da Xunta ao longo deste anos.

Neste senso, celebrou que, co gallo do medio século do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, se publiquen este ano dúas antoloxías cos mellores traballos presentados, unha en castelán e outra en galego. Así mesmo, tamén aplaudiu que o Concurso de Arte incorpore o premio Novos valores, para a mellor obra dun artista de ata 18 anos.

Do mesmo xeito, destacou as “constantes iniciativas” para “mellorar, renovar e facer medrar aínda máis interese por non deixar de visitar a súa montaxe, que cada ano recibe ao redor de 4.000 persoas. Desta forma, apuntou a mellora nas instalacións, que culminaron cun mural de Diego As no frontispicio e a incorporación de novas figuras ao Belén: unha nora, a Casa-Museo de Victor Corral, en Baamonde, e o conxunto de autómatas O Belén dentro do Belén, en homenaxe ao creador do Belén, José Rodríguez Varela, e aos sacerdotes José e Jesús Domínguez Guizán.

Comparte