Nova: A Xunta avanza na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial nunha reunión coa Unesco en París na recta final do procedemento

26/11/2025

A Xunta avanza na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial nunha reunión coa Unesco en París na recta final do procedemento

Unha delegación con representantes do Goberno galego e do Ministerio de Cultura entrevístanse cun comité de expertos deste organismo

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten ata o 27 de febreiro de 2026 para ampliar e matizar cuestións do expediente presentado en xaneiro deste ano

O director xeral de Patrimonio Cultural, coordinador da comitiva, asegura que se manteñen as “boas sensacións” que “fan confiar” na consecución desta distinción

Ángel Miramontes enxalza o “valor excepcional” da candidatura que abrangue 26 municipios das provincias de Lugo e Ourense

Destaca o esforzo por parte do Goberno galego nestes concellos con preto de 8 M€ para a posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais durante estes últimos anos

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia está a avanzar na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial na recta final deste procedemento, que se resolverá a finais do primeiro semestre de 2026. Para iso, unha delegación, integrada por representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e do Ministerio de Cultura, reunise en París cun comité de expertos da Unesco de cara a ampliar e aclarar cuestións do expediente presentado en xaneiro deste mesmo ano.

“As sensacións seguen a ser moi boas e fan confiar na consecución desta distinción en 2026”, aseverou o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, coordinador da comitiva da candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, que se desprazou á capital parisiense.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que neste encontro volveuse incidir nos “atributos especiais e únicos” que posúe a Ribeira Sacra que “a fan a xusta merecedora deste recoñecemento internacional pola Unesco”. Ao respecto, incidiu en que a candidatura, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Pontevedra, representa unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”. 

Precisamente, Miramontes puxo en valor que esta singularidade puido ser comprobada in situ polo observador de Icomos enviado ao territorio “e cuxo expediente complementou o que entregamos a principios da candidatura", precisou. Neste senso, apuntou que na reunión en París se puideron aclarar cuestións de todos os informes recompilados que “serán ampliadas e matizadas pormenorizadamente na documentación definitiva da candidatura que se vai entregar antes do 27 de febreiro de 2026”, avanzou.

Por estes motivos, o responsable de Patrimonio da Xunta subliñou de que todos os pasos a dar neste intre son “claves” de cara á decisión definitiva deste organismo no segundo semestre do vindeiro ano. “O camiño que nos queda é crucial e precisamos da colaboración e do empurre de todos”, destacou. Ao respecto, quixo agradecer a “apoio en todo momento” tanto do Ministerio de Cultura como tamén da comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran a candidatura.

Investimento de 8 M€ neste territorio nos últimos nos

De igual xeito, Miramontes tamén salientou o “esforzo e traballo sen descanso” por parte da Xunta para fornecer Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Así, sinalou os preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo nestes últimos anos.

Desta forma, ao longo deste período, o Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.

Comparte