Nova: López Campos erixe a muralla de Lugo como “un dos patrimonios icónicos que proxectan Galicia no mundo”
25/11/2025
López Campos erixe a muralla de Lugo como “un dos patrimonios icónicos que proxectan Galicia no mundo”
A actuación da galardoada co Premio Grammy Latino ao Mellor álbum de música clásica abre as actividades que o Goberno galego desenvolve durante toda a semana
A celebración inclúe tamén iniciativas para escolares, que configurarán un mural con felicitacións, e a mostra interactiva ‘Voces da muralla’
O edificio da Administración autonómica acollerá tamén a máis de 160 acordeonistas de toda España, que tocarán conxuntamente o sábado día 29
O escritor Santiago Posteguillo, especializado na antiga Roma e Premio Planeta 2018, impartirá unha conferencia na cidade lucense
Lugo, 25 de novembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a muralla de Lugo como “un dos nosos patrimonios icónicos que sitúan e proxectan Galicia no mundo e un dos máis recoñecibles internacionalmente”. Fíxoo durante a apertura da programación da Xunta para conmemorar o 25 aniversario da declaración deste Ben de Interese Cultural como Patrimonio Mundial pola Unesco, que botou a andar cun concerto da pianista galega Isabel Dobarro, premio Grammy Latino 2025 ao Mellor álbum de música clásica por Kaleidoscope.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o titular de Cultura do Goberno galego asistiu a esta actuación, con entrada libre e de balde ata completar capacidade, que supuxo o primeiro concerto da pianista galega tras recibir este recoñecemento internacional.
López Campos salientou que a apertura das actividades conmemorativas do Goberno galego con esta interpretación en primicia reflicte “a enorme importancia que o Goberno galego lle dá a esta efeméride e a propia muralla que, co recoñecemento obtido o 30 de novembro de 2000, pasou de ser un símbolo de Lugo e dos galegos a converterse nunha icona de Galicia a nivel universal”.
Por estes motivos, co obxectivo de ter unha programación “á altura deste aniversario”, o conselleiro explicou que as actividades do Goberno galego tamén se estenderán aos centros educativos durante toda a semana, que incluirá a elaboración, por parte dos escolares da cidade, dun mural que recompilará as súas orixinais e creativas felicitacións para a muralla, que se exporá no edificio da Xunta en Lugo.
Precisamente, avanzou que nestas instalacións tamén se poderá ver, a partir de mañá, mércores, a exposición interactiva Voces da muralla. Segundo precisou, esta mostra recompila vídeos da veciñanza lucense explicando a súa relación con este Patrimonio mundial. “Procúrase, deste modo, facer partícipe a toda a poboación desta conmemoración, tendo en conta os estreitos vencellos afectivos existentes por parte da cidadanía con este ben, considerado non só un símbolo da cidade e de Galicia, senón todo un elemento vivo que percorren, transitan e cruzan, a través das súas dez portas, centos de lucenses a diario”, apuntou.
De igual forma, López Campos adiantou que a Biblioteca de Lugo, integrada no servizo de Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta, tamén será outros dos escenarios que se sumarán aos festexos dándolle visibilidade a unha completa mostra bibliográfica das publicacións existentes nos seus fondos, e en diferentes xéneros, sobre a muralla e a antiga Roma.
Actuación conxunta de máis de 160 acordeóns
Para complementar esta programación, o conselleiro tamén informou da celebración dun “orixinal e grande espectáculo musical”, conformado por máis de 160 acordeonistas provenientes de toda Galicia e de diferentes puntos de España, entre os que estará a agrupación Terras do Miño, integrada por lucenses que superan os 60 anos de idade.
Esta actuación conxunta terá lugar o vindeiro sábado, día, 29, no auditorio da Delegación da Xunta, ás 12,00 horas, con entrada libre e de balde ata completar capacidade. Pola tarde, a partir das 17,00 horas, as 13 agrupacións volverán actuar, pero nesta quenda xa por separado.
Conferencia de Santiago Posteguillo
Finalmente, López Campos destacou que estes actos conmemorativos terá como “alfinete” a conferencia do escritor Santiago Posteguillo, especializado na antiga Roma e Premio Planeta en 2018, pola novela histórica Yo, Julia, que terá lugar o 2 de decembro, ás 20,00 horas, tamén na sede da Delegación da Xunta.
O relatorio, que leva por título O corazón romano de Galicia: o pálpito dunha historia que non termina, afondará na chegada dos romanos a Hispania, en xeral, e ao noroeste da península en particular, incidindo na importante pegada histórica, cultural e social que supuxo a romanización de todo este territorio.

