Nova: O thriller ‘A morte nos teus ollos’ desenvolve a súa rodaxe en Ponteareas co apoio da Xunta

25/11/2025

O thriller ‘A morte nos teus ollos’ desenvolve a súa rodaxe en Ponteareas co apoio da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais visitou o equipo do filme producido polas empresas Sétima e Sideral durante unha secuencia gravada na estación de autobuses da localidade

A película está dirixida polo vigués Guillermo de Oliveira, quen asina o guión xunto con Miguel Barros, e conta con Pepe Lorente e Iván Marcos como actores protagonistas

O proxecto foi adxudicatario en 2025 de 320.000 euros para a súa produción por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e obtivo tamén axudas en anos anteriores para escrita do guión e desenvolvemento

Ponteareas (Pontevedra), 25 de novembro de 2025

A longametraxe de ficción A morte nos teus ollos desenvolve estes días a súa rodaxe en Ponteareas, unha das localidades do sur de Galicia que acollen a filmación deste thriller. A estación de autobuses da localidade converteuse nunha comisaría de policía para a gravación dunha das secuencias, que foi visitada hoxe polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, como testemuño do apoio da Xunta de Galicia ao proxecto. 

Ademais de Ponteareas, Vigo e outros concellos da súa área metropolitana como O Porriño e Mos prestarán diferentes localizacións durante seis semanas para a rodaxe do filme producido pola empresa galega Sétima xunto a Sideral Cinema e Atresmedia Cine. Un equipo técnico e artístico de máis de 80 persoas participa nestes traballos, co vigués Guillermo de Oliveira na dirección e con Pepe Lorente e Iván Marcos na interpretación.

A morte nos teus ollos, que se está a rodar integramente en galego, foi adxudicatario en 2025 dunha subvención á produción de 320.000 euros e contou tamén en anos precedentes con axudas do Goberno galego para a escrita de guión e para os gastos de desenvolvemento previos á produción.

Oliveira asina xunto a Miguel Barros o guión de A morte nos teus ollos, cunha trama que se sitúa en Vigo en 1994. Na película, os actores protagonistas encarnan a Deza e Estrada. Deza é un peculiar policía nacional que leva tres anos suspendido por unha disputa familiar e agora está a punto de cumprir a súa sanción e reconducir a súa vida. Pola súa banda, Estrada é un adicto ao xogo degradado ao máis baixo do corpo policial polo seu carácter conflitivo. Vixiado por Asuntos Internos e acurralado polas débedas, planea un crime perfecto co que solucionar todos os seus problemas... e cre que Deza pode ser o socio ideal para levar a cabo un plan no que nada sairá como o agardado.

Comparte