Nova: A Xunta presenta no Museo Gaiás un mural colectivo que reivindica a igualdade de xénero e a loita contra as violencias machistas
25/11/2025
A Xunta presenta no Museo Gaiás un mural colectivo que reivindica a igualdade de xénero e a loita contra as violencias machistas
O director xeral de Cultura e a directora xeral de Promoción da Igualdade acompañan o inicio desta obra como parte dos actos conmemorativos polo 25N
O deseño, realizado pola ilustradora compostelá Nana, completarase a través de obradoiros participativos coa cidadanía e con integrantes do programa Vagalume de atención a mulleres vítimas de explotación sexual
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitaron hoxe o inicio do obradoiro para crear un mural colectivo pola igualdade de xénero na Cidade da Cultura con motivo do 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Esta é unha das actividades organizadas con motivo desta efeméride, na que participa a cidadanía con integrantes do programa Vagalume, e que constitúe un espazo de expresión compartida, no que a arte funciona como ferramenta de denuncia e sensibilización ao redor da violencia machista. O seu carácter colectivo busca implicar a diferentes axentes no avance cara á igualdade, promovendo a reflexión e a participación social desde a creatividade.
A artista Nana é a encargada de compoñer o debuxo que ocupará a parede do acceso ao andar 1 do Museo Centro Gaiás, un lugar de tránsito polo que pasan a maioría das visitas ás exposicións da Cidade da Cultura. Esta mesma artista finalizará a obra o ano próximo, no marco da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, aproveitando as contribucións de todas as persoas implicadas.
Nana é unha debuxante e artista urbana compostelá coñecida polos seus traballos de cores vibrantes e saturadas, onde as figuras femininas e animais teñen un protagonismo especial. É autora, entre outros, do mural que decora o túnel de entrada ás instalacións deportivas do Multiusos Fontes do Sar e participou en festivais de arte urbana como o Desordes Creativas, Delas Fest ou Meninas de Canido.

