Nova: Belén do Campo asiste ao recital ofrecido polo sopranista Samuel Mariño dentro da Tempada Lírica da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña

24/11/2025

Belén do Campo asiste ao recital ofrecido polo sopranista Samuel Mariño dentro da Tempada Lírica da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña

A Coruña, 24 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu, esta tarde, ao recital ofrecido polo sopranista Samuel Mariño, acompañado ao piano por Jonathan Ware, un dos eventos destacados da Tempada Lírica 2025 da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña. O concerto tivo lugar no Teatro Colón.

A Asociación de Amigos da Ópera, entidade con longa traxectoria e firme compromiso coa promoción e divulgación do xénero operístico, organiza este recital no marco da súa programación anual, reafirmando a súa aposta pola excelencia artística e pola presenza en Galicia de intérpretes de referencia internacional. Nesta ocasión, o público puido gozar da singular voz de Samuel Mariño, un dos sopranistas máis recoñecidos do panorama actual, acompañado polo prestixioso pianista Jonathan Ware.

A delegada da Xunta destacou o labor da Asociación como axente fundamental para a dinamización cultural da cidade e da provincia, así como o apoio decidido do Goberno galego ás iniciativas que contribúen a ampliar e consolidar a oferta musical e artística en Galicia. Subliñou tamén a importancia de conservar e promover propostas culturais de alto nivel que, como este recital, fortalecen o prestixio da Coruña como un referente para a lírica.

Comparte