Nova: O audiovisual de Galicia e de Portugal estreitan lazos nunha nova edición do Foro bilateral de coprodución
24/11/2025
O audiovisual de Galicia e de Portugal estreitan lazos nunha nova edición do Foro bilateral de coprodución
Medio centenar de empresas de ambos os países participan nesta xornada promovida pola Xunta de Galicia e a Portugal Film Commission no marco do festival Porto/Post/Doc
O Porto (Portugal), 24 de novembro de 2025
Representantes de medio centenar de produtoras audiovisuais de Galicia e de Portugal están a participar na segunda edición do Foro Luso-Galego. Creatividade e Coprodución, que se celebra hoxe no Porto co obxectivo de estreitar lazos profesionais que se traduzan na posta en marcha de novos proxectos en común. A Xunta de Galicia volve colaborar coa Portugal Film Commission na organización deste encontro bilateral no marco do festival Porto/Post/Doc.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu a esta xornada, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco do programa de impulso á internacionalización da nosa industria audiovisual. No caso de Portugal, o obxectivo é continuar avanzando na liña de achegamento profesional emprendida nos últimos anos e materializada en proxectos como as series Punto Nemo e Lume, a longametraxe Onte á noite conquistei Tebas ou o documental As estaçoes. Ao tempo, o foro incorpora novas produtoras e axentes do sector, que veñen renovar o tecido empresarial e creativo de ambos os territorios con novas propostas de colaboración.
Pola banda galega, están a participar 25 compañías, mentres que pola portuguesa son 32 as empresas inscritas neste foro que, tras a interrupción que supuxo a pandemia, retoma a dinámica dos encontros profesionais de coprodución Portugal-Galicia que a Xunta puxera en marcha en 2015. Todas elas teñen acceso, así mesmo, ás restantes actividades do apartado profesional do Porto/Post/Doc.
A colaboración do Goberno galego con este festival portugués esténdese igualmente á participación galega no apartado Industry Screenings cos proxectos Todo é cárcere, de Eloy Domínguez Serén, e Despois das cidades, de Xacio Baño. Ambos forman parte da escolma de propostas que teñen a oportunidade de amosar as súas primeiras imaxes diante dun público profesional seleccionado, entre o que se atopan axentes de vendas internacionais, empresas distribuidoras ou responsables de festivais.
