Nova: A Xunta conclúe a declaración do castro ourensán de San Cibrao de Las como Ben de Interese Cultural
24/11/2025
A Xunta conclúe a declaración do castro ourensán de San Cibrao de Las como Ben de Interese Cultural
Recoñécese así o seu interese científico e importancia histórica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade
A resolución, que se fai oficial coa súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, pon en valor o enclave como elemento crucial no coñecemento da Idade do Ferro
Con este, son 793 os bens que contan con esta distinción en Galicia
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración como Ben de Interese Cultural do Castro de San Cibrao de Las, situado no termos municipais ourensáns de San Amaro e Punxín, polo seu interese científico e a súa importancia histórica, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade.
Esta distinción, que lle outorga a máxima protección para a súa conservación, e á que deu o seu visto e prace o Consello da Xunta a pasada semana, recoñece así o seu valor como ben representativo do patrimonio de Galicia ao tratarse dun elemento crucial no coñecemento da Idade do Ferro, especialmente na súa fase final e inicio do período romano.
O expediente destaca o seu bo estado de conservación, cun 15% da extensión do poboado xa escavado e musealizado. Neste senso, o informe recolle as sucesivas intervencións que permitiron sacar á luz numerosas estruturas, tanto habitacionais como doutro tipo (murallas, rúas, portas monumentais ou alxibes, entre outras). Ademais, tamén se acharon materiais arqueolóxicos (pezas cerámicas, líticas, obxectos de vidro de uso doméstico, restos metálicos ou moedas) de grande importancia para a investigación e a divulgación, de maneira que constitúen un valioso recurso patrimonial. Deste xeito, tamén se fai fincapé na excelente preservación da súa integridade, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia.
Esta singularidade foi a que fixo que a Xunta o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación inaugurado no 2014 para difundir este coñecemento entre a poboación. De feito, como resultado disto conseguiuse a consolidación dos restos exhumados e a creación dun lugar histórico amplamente investigado, musealizado e protexido, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia.
Con esta declaración, agora mesmo están rexistrados 793 Bens de Interese Cultural no territorio, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno autonómico por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.
Exemplo de construción planificada e organizada
O Castro de San Cibrao de Las, situado a 20 quilómetros da cidade de Ourense, foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou poboado prehistórico do cambio de Era. Nas intervencións máis recentes ampliase a súa ocupación como castro entre os séculos II a. C. e II d. C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico ata o derrube da muralla e abandono definitivo no século XI d.C.
Así, tras as diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde inicios do século XX descríbese o ben como un espazo elevado que conta con dous recintos ovalados e concéntricos. Desta maneira, considérase que exemplifica unha construción planificada e organizada, con rúas pavimentadas, sistemas de canalización de auga, vivendas complexas con estruturas arredor dun patio central e agrupadas en barrios.