Nova: A Xunta homenaxea a Camilo José Cela cunha mostra que pon en valor os seus vencellos coa universidade

23/11/2025

A Xunta homenaxea a Camilo José Cela cunha mostra que pon en valor os seus vencellos coa universidade

A exposición, que fai un percorrido por 12 dos 25 doutoramentos honoris causa que lle foron outorgados, pode visitarse na fundación dedicada ao autor en Padrón

A proposta coincide co 45ª aniversario do recoñecemento que recibiu en 1980 por parte da Universidade de Santiago de Compostela

No percorrido exhíbense pezas da colección téxtil que conserva a entidade como togas, mucetas e birretes, ademais dos títulos oficiais das institucións académicas

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia homenaxea a Camilo José Cela cunha exposición que fai un repaso aos doutoramentos honoris causa que lle foron outorgados ao escritor e que xa se pode ver na sede da súa fundación en Padrón. 

Así, a mostra, que coincide co 45º aniversario dos doutoramentos que recibiu en 1980  polas universidades de Santiago de Compostela e a de Palma de Mallorca, ten por obxectivo amosar unha parte das propias coleccións  da Fundación Camilo José Cela, xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que, máis alá da súa produción literaria, axudan a lembrar e poñer en valor a traxectoria académica do autor desde o máximo galardón que outorgan as institucións académicas.

Neste senso, cómpre destacar que, entre outros recoñecementos, Camilo José Cela recibiu esta distinción honorífica polos seus méritos vencellados ás letras e ás humanidades, por parte de 25 universidades de todo o mundo, desde o primeiro, en 1974 pola Universidade de Siracusa, en Nova York, ata o último, recibido en 1999 pola Universidade Kansai Gaidai, no Xapón.

No percorrido faise referencia a 12 deses doutoramentos de maneira que na sala da exposición permanente intercalase parte da colección téxtil conservada entre os distintos fondos que atesoura a entidade, como son togas, mucetas e birretes. Ademais, acompañando a estas pezas tamén se exhiben os títulos oficiais expedidos polas universidades de Siracusa, Miami, Dowling College, Millersville e Florida (Estados Unidos); a de Santiago de Compostela (España); a de Birminghan (Gran Bretaña); a Universitas Fu Jen (Taiwán);  a Universidade Moderna (Portugal); a do Río Grande do Sul (Brasil); a de Ciencias Empresariais e Sociais de Bos Aires (Arxentina) e a Universidade de Filipinas.

Un dos legados máis importantes do autor

Cómpre lembrar, que a Fundación Camilo José Cela conta cun dos legados máis importantes do autor, quen manifestara o seu desexo de que este permanecera unido nun mesmo lugar. Así esta herdanza está composta por coleccións heteroxéneas e de gran valor cultural que permiten coñecer ao escritor, máis tamén o devir social e cultural da España da segunda metade do século XX. Entre outras referencias, contén os manuscritos das súas 14 novelas publicadas, así como 52 de obra menor, ademais dunha biblioteca de máis de 60.000 monografías e unha hemeroteca de máis de 42.000 exemplares de publicacións periódicas.

Comparte