Nova: A Xunta colabora coa Real Academia nunha xornada de reflexión sobre o impacto da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas 2025

22/11/2025

A Xunta colabora coa Real Academia nunha xornada de reflexión sobre o impacto da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participa no simposio organizado pola institución en Muxía

Destaca “a grande acollida popular que tivo este ano a celebración, amosando a importancia da tradición oral na identidade, na cultura e na lingua galega”

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou esta mañá no Simposio das Letras Galegas 2025, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Xunta de Galicia na recta final deste ano no que se homenaxearon as cantareiras.

Así, durante a xornada, que tivo lugar en Muxía, a localidade natal de Eva Castiñeira, unha das 7 mulleres nas que se centrou a efeméride, apuntou que “a elección foi todo un acerto, como quedou demostrado coa grande acollida popular que tivo este ano a celebración, amosando a importancia da tradición oral na identidade, na cultura e na lingua galega”.

A cita contou coas conferencias de Xulia Feixoo e Sergio de la Ossa, desde a perspectiva da etnomusicoloxía, ás que lle seguiu unha mesa redonda centrada en repensar a tradición desde o xénero e a clase social. O programa continúa xa pola tarde con outro relatorio de Manuel Rico Verea, que ofrecerá unha ollada á edición dos cancioneiros populares, desde Marcial del Adalid ata chegar ao traballo de Schubarth e Santamarina, e concluirá coa actuación musical da Asociación Cultural Abaladeiras de Muxía.

O representante do Goberno galego destacou, neste senso, que se “trata dun programa moi completo, no que non podía faltar a implicación da Xunta, para analizar ese grande impacto que tivo ao longo destes meses a música e a poesía popular na sociedade, reivindicando como nunca o seu peso á hora de transmitir a nosa cultura”. Así mesmo, lembrou que “este ten que ser un punto de partida para continuar neste camiño, forxado principalmente polas mulleres cantareiras, para seguir garantindo a preservación do noso folclore e difundindo a riqueza deste valioso patrimonio inmaterial”.

Comparte