Nova: A Xunta promove o audiovisual e os videoxogos galegos con 68 accións de difusión en 26 festivais, foros e mercados de 10 países
20/11/2025
A Xunta promove o audiovisual e os videoxogos galegos con 68 accións de difusión en 26 festivais, foros e mercados de 10 países
A resolución da convocatoria de 2025 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para esta finalidade inclúe 38 produtoras e profesionais cun investimento de 80.000 euros, un 14% máis do inicialmente previsto
As axudas contribuíron á presenza dos proxectos galegos en eventos como o Festival de Cannes, o European Film Market de Berlín, o Festival de Locarno, a Biennale de Venecia, o Gamescom de Colonia ou The Industry Club do Festival de San Sebastián
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia finalizou a adxudicación da convocatoria de 2025 das subvencións para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos, ás que se acolleron 38 produtoras e profesionais galegos para participar con 68 accións de difusión en 26 festivais, foros e mercados internacionais de referencia para o sector en España e noutros nove países.
Trala ampliación do crédito inicial, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, distribuíu 80.000 euros en cinco quendas de concesións. A dotación experimentou un incremento do 14% sobre a partida inicialmente prevista, co obxectivo de lle dar cobertura ao volume de solicitudes recibidas ao longo de todo o ano.
Galicia no mapa cinematográfico mundial
O obxectivo do Goberno galego con esta liña de axudas é poñer en valor nos principais circuítos de comercialización internacional o traballo de produción e creación audiovisual con selo galego, así como continuar a situar a nosa Comunidade no mapa cinematográfico mundial. No marco da edición de 2025 desta convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais, os destinos do audiovisual galego abrangueron 15 festivais e premios e 11 mercados e foros especializados.
No caso da modalidade dirixida á participación en eventos de cine fóra de Galicia, resultaron beneficiarias 12 produtoras. Nesta categoría, as contías outorgadas destínanse á realización do material de promoción específico e o seu transporte, ás campañas de publicidade, á contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para a difusión dos filmes nas mostras, ao desprazamento e á estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e á tiraxe e subtitulado das copias.
No ámbito internacional, a Xunta posibilitou a presenza de diferentes películas galegas no Festival Internacional de Cine de Rotterdam (Países Baixos), no Festival de Locarno (Suíza), no festival de curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia), no London Film Fest (Reino Unido), no Festival de Cannes (Francia), no Karlovy Vary International Film Festival (República Checa), no Festival de Venecia (Italia), no New York Film Festival (Estados Unidos), no Festival Internacional de Cine de Moscova (Rusia) e nos Premios do Cinema Europeo celebrados en Lucerna (Suíza).
Outras citas en España co cine galego foron o Festival de Málaga, Sitges-Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña, a Seminci de Valladolid, o Festival de San Sebastián ou os Premios Goya.
Entre as propostas apoiadas están o filme San Simón, presentado no Festival Internacional de Cine de San Sebastián ou Ciudad sin sueño, de Sintagma Films, que levou a creación galega á Semaine de la Critique do Festival de Cannes e á sección Perlak de San Sebastián. A esta presenza súmanse os traballos de Filmika Galaika con As estaçoes en Locarno e con Onte á noite conquistei Tebas, longametraxe que tivo a súa première na Biennale de Venecia dentro de Giornate degli Autori (onde recibiu os premios Bisato d’Oro ao mellor guión e á mellor fotografía), antes de continuar a súa traxectoria en citas como o New York Film Festival ou a Seminci de Valladolid. A curtametraxe TSHWEESH, de Zeitum Films, participou en Clermont-Ferrand, mentres que Abano Producións viaxou con Yo voy conmigo e con Lola, Lolita, Lolaza ao Festival de Málaga.
Participación en 11 mercados estratéxicos
En canto á modalidade de asistencia a foros de negocio especializados, a Xunta asume parte dos importes derivados da inscrición, viaxe e estadía dos representantes de 29 produtoras galegas en feiras de referencia internacional para o sector. Apoiáronse así 44 participacións en 11 mercados estratéxicos para a industria audiovisual e dos videoxogos. As contías adxudicadas destínanse tamén a cubrir gastos de promoción, material publicitario, transporte, desprazamentos dos equipos e tiraxe ou subtitulado das copias necesarias para participar nos eventos.
Son os casos dos mercados asociados a destacados festivais cinematográficos como o Marché du Filme e o MipTV de Cannes (Francia), o European Film Market de Berlín (Alemaña), o Marché du Film Court de Clermont-Ferrand (Francia), o evento dedicado ao xénero documental Sunny Side of the Doc en La Rochelle (Francia) e o especializado en animación en Annecy (Francia). Xa en España, The Industry Club de San Sebastián e o Mafiz de Málaga foron os encontros máis visitados. Ademais, este ano destaca a participación galega en citas de videoxogos como o Gamescom de Colonia (Alemaña) e o IndieDevDay do BCN Game Fest en Barcelona.
O contido completo das cinco quendas de concesións pode consultarse no apartado de subvencións da web da Axencia Galega das Industrias Culturais.
