Nova: A Xunta comprométese a situar Galicia na vangarda das artes dixitais na inauguración do foro ‘Sinte’
20/11/2025
A Xunta comprométese a situar Galicia na vangarda das artes dixitais na inauguración do foro ‘Sinte’
Este encontro consolida a aposta do Goberno galego por este sector emerxente, liña de traballo na que tamén se encadra a construción na Cidade da Cultura do Centro de Artes Dixitais, que iniciará a súa actividade no segundo semestre de 2026
O titular de Cultura da Xunta anima a aproveitar todas as potencialidades da tecnoloxía dixital, que “non só representa un motor social e económico, senón tamén un potente activo para o noso patrimonio e as nosas industrias creativas”
O programa do foro arranca cunha conferencia do cofundador e director de Ouchhh Studio, Ferdi Alici, responsable de creacións dixitais para o novo Gran Museo Exipcio no Cairo, Google, a NASA, Nike ou o CERN, entre outros
Durante dous días, máis dunha vintena de destacadas figuras a nivel nacional e internacional, procedentes de Francia, Italia, Turquía, Portugal ou O Xapón, analizan en Compostela os retos e oportunidades das artes dixitais
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá no Gaiás a primeira edición de Sinte, foro internacional de arte e cultura dixital que se propón situar Galicia na vangarda da creación contemporánea. Este 20 e 21 de novembro, o encontro reúne en Santiago de Compostela a máis dunha vintena de destacadas figuras deste ámbito, procedentes de países como Francia, Italia, Turquía, Portugal ou O Xapón, pero tamén de Galicia e do resto de España.
Durante a súa intervención na apertura da cita, o titular de Cultura da Xunta de Galicia remarcou o compromiso do seu departamento por “aproveitar a ventá de oportunidade que ofrece un sector punteiro como as artes dixitais”, salientando que a tecnoloxía “non só representa un motor social e económico”, senón tamén “un potente activo” para o patrimonio cultural e as industrias creativas de Galicia, engadiu López Campos.
O conselleiro lembrou que desde o Goberno galego se está a traballar para que a nosa Comunidade “se sitúe na vangarda en canto ao impulso á creación dixital desde as institucións públicas” coa construción no Gaiás do Centro de Artes Dixitais, que iniciará a súa actividade no segundo semestre de 2026. Esta infraestrutura márcase como obxectivo consolidarse como banco de experimentación con diferentes tecnoloxías, linguaxes e plataformas, acubillando a artistas e colectivos galegos, pero tamén achegar ao público innovadoras producións culturais de referencia mundial.
Figuras de referencia da creación dixital
O programa de conferencias de Sinte arrincou coa presenza do cofundador e director de Ouchhh studio, Ferdi Alici, figura de referencia mundial no eido da arte dixital que asinou proxectos para institucións e empresas como o Gran Museo Exipcio no Cairo, o Museo Mori de Toquio, Google, a NASA, ou a saga cinematográfica Misión imposible, entre outros. Con sede en Istambul e delegacións nos Ánxeles, Viena, Barcelona, París, Londres e Berlín, Ouchhh studio creou instalacións dixitais, pintura e escultura de datos, arte cinética e experiencias inmersivas en capitais dos cinco continentes.
Galicia tamén terá unha presenza destacada nesta primeira xornada do foro, cunha mesa redonda con algúns dos principais axentes da creación e a cultura dixital na nosa Comunidade, como o director e fundador de Mundos Digitales Transmedia, Manuel Meijide; a produtora musical e DJ, Cora Novoa; o director, guionista e animador, Manuel Viqueira; o co-director do estudio Maxina, Carlos Seijo; e a xefa do servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Fátima Mª García Doval.
O comisario de programación de Medialab Matadero, Bani Brusadin; a programadora e artista electrónica galardoada co Premio Nacional de Cultura de Cataluña, Mónica Rikic; o director do espazo cultural Gnration (Braga), Luís Fernandes; o director artístico de Matadero Madrid, José Luis Romo; ou a investigadora e escritora Elena Neira, autora do libro Streaming wars, son algúns dos nomes que completan o programa deste encontro.
Actuacións e espectáculos
Sinte tamén é unha oportunidade gozar en primeira persoa de propostas innovadoras no ámbito da arte dixital, como a performance audiovisual Materia, do francés Maotik, ou unha dobre función do coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda, principal representante da escena de vangarda no país nipón, cun traballo que fusiona danza, movemento e novas tecnoloxías.
As prazas para asistir ao foro están esgotadas, mais poderá seguirse en liña a través da web e da canle de Youtube da Cidade da Cultura.

