Nova: A Xunta porá en marcha en 2026 un plan de impulso cultural da Ribeira Sacra para potenciar a súa candidatura a patrimonio mundial
19/11/2025
A Xunta porá en marcha en 2026 un plan de impulso cultural da Ribeira Sacra para potenciar a súa candidatura a patrimonio mundial
Anxo M. Lorenzo erixe esta zona nun “nidio exemplo” de como a paisaxe “define e configura a cultura dun territorio e forma parte indisociable da mesma”
Salienta o seu amplo patrimonio arquitectónico, hidráulico e de oficios vencellados coa auga, “como cerna dunha creación e programación cultural propia e singular”
Valencia, 19 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia porá en marcha no vindeiro ano un Plan de impulso cultural da Ribeira Sacra que “agrupará as actuacións culturais da contorna e potenciará a súa candidatura a Patrimonio Mundial”. Así o avanzou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante a súa participación nas xornadas Periscopio. Cultura e natureza que se celebran hoxe e mañá en Valencia.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou o “valor cultural e patrimonial excepcional” que reúne a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Pontevedra. Deste xeito, incidiu en que presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”.
En concreto, Anxo M. Lorenzo fixo referencia aos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga, ao relevante patrimonio hidráulico que atesoura e tamén aos oficios e tradicións vencelladas coa características deste territorio “que teñen fornecido un rico patrimonio material e inmaterial”. Nesta liña, erixiu a Ribeira Sacra como “nidio exemplo de como a paisaxe non só define e configura a cultura dun territorio, senón que acaba formando parte indisociable da mesma”, argumentou.
Completado con actuacións no patrimonio
Por estes motivos, considerou “máis que axeitado” a posta en marcha dun plan específico cultural para esta zona, recollido nos Orzamentos autonómicos para o 2026 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “xa que o amplo tesouro cultural que abrangue está estreitamente ligado á paisaxe natural do territorio, do que imos tirar proveito para nutrir un espazo creativo e cultural propio”.
Ademais, o director xeral de Cultura puxo en valor que estas actuacións estarán artelladas “en total sinerxía” coas intervencións en patrimonio previstas polo Goberno galego “para revitalizar aínda máis a Ribeira Sacra de cara a un ano tan crucial”, asegurou con respecto á decisión final da Unesco sobre esta candidatura, cuxa resolución definitiva está prevista para xuño de 2026.
Neste senso, adiantou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten previsto para o vindeiro ano actuacións concretas nesta zona, como son a recuperación das cubertas do mosteiro das Clarisas, a ampliación da Fábrica da Luz, de Parada de Sil e tamén apuntou que se iniciarán os traballos previos en bens artísticos en Xunqueira de Espadanedo e na igrexa de Santa María do Burgo, en Castro Caldelas, entre outros.
