Nova: A Xunta convoca as axudas a salas privadas de artes escénicas con 430.000 euros para o bienio 2026-2027

19/11/2025

A Xunta convoca as axudas a salas privadas de artes escénicas con 430.000 euros para o bienio 2026-2027

Coa súa publicación hoxe no DOG, arranca o programa de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ás industrias culturais galegas para 2026

Esta liña de apoio a pequenos espazos de exhibición escénica pasa a xestionarse bienalmente co fin de contribuír á súa estabilidade financeira a medio prazo

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada, coas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha a primeira das convocatorias do seu programa de axudas ás industrias culturais galegas para 2026 nos sectores profesionais das artes escénicas, o audiovisual e a música.

No caso específico da liña de apoio a estes pequenos espazos de exhibición de espectáculos, pasa a xestionarse bienalmente de xeito que conta cunha dotación de 430.000 euros, distribuídos ao 50 % entre 2026 e 2027. O obxectivo é contribuír á súa estabilidade, ofrecéndolles un horizonte plurianual de apoio que lles permita planificar e desenvolver as súas programacións escénicas a medio prazo cunha maior seguridade financeira.

Prazo de solicitude ata o 19 de decembro

O prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata o 19 de decembro para salas escénicas de xestión privada, cunha capacidade máxima de 150 localidades e que teñan acreditada a realización dun mínimo de 50 representacións no ano 2025, entre outros requisitos.

Cada unha das beneficiarias poderá obter ata 75.000 euros de axuda por cada anualidade, cun límite do 75% do gasto subvencionable. A contía recibida deberá destinarse á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.

A súa concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva a partir da avaliación dunha comisión, que terá en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2025. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, son outras das cuestións que se valorarán, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.

Os espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e os coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú son desde 2020 os catro adxudicatarios destas axudas, en virtude das que integran a Rede Galega de Salas, un dos circuítos de artes escénicas promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Con estas subvencións, a Xunta de Galicia contribúe a garantir a estabilidade do funcionamento destas salas, que destacan polo seu labor a prol da creación de públicos e como dinamizadoras culturais. Ademais, xogan un destacado papel á hora de aumentar as posibilidades de contratación das compañías galegas, en especial das formacións de recente creación e das que apostan polas tendencias máis contemporáneas ou por públicos específicos, como o familiar.

Comparte