Nova: López Campos destaca o carácter pioneiro da serie ‘Pensión incompleta’, rodada nas catro linguas oficiais do estado

18/11/2025

López Campos destaca o carácter pioneiro da serie ‘Pensión incompleta’, rodada nas catro linguas oficiais do estado

A Xunta de Galicia subvenciona con 240.000 euros este proxecto inédito de colaboración entre televisións autonómicas que conta coa implicación de Televisión de Galicia e Voz Audiovisual xunto a EITB e 3Cat

Nomes tan coñecidos do audiovisual galego como Luis Iglesia, María Costas ou Manuel San Martín forman parte do reparto que lle dá vida a esta historia sobre como un grupo do Imserso acaba envolto nunha serie de roubos de obras de arte

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o set de rodaxe da serie televisiva Pensión incompleta, instalado na compostelá praza da Quintana como un dos escenarios galegos desta coprodución entre Galicia, Cataluña e País Vasco. O titular de Cultura do Goberno galego felicitou persoalmente o equipo polo avance do proxecto, subvencionado pola Xunta, do que destacou o seu carácter pioneiro como primeira serie rodada simultaneamente nas catro linguas oficiais do Estado.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañaron o conselleiro nesta visita, durante a que incidiu tamén na novidosa fórmula de colaboración entre televisións autonómicas para levar a cabo unha produción audiovisual que, a través dunha estrutura narrativa compartida, retratara a riqueza cultural, lingüística e natural dos diferentes territorios. Neste caso, Televisión de Galicia uniuse a EITB e 3Cat para levar a cabo esta proposta xunto a Voz Audiovisual. A Xunta cofinancia a súa produción cunha axuda de 240.000 euros, ademais de ter contribuído tamén á súa preparación previa a través da convocatoria destinada a proxectos en fase de desenvolvemento.

Elenco coral

Con localizacións en Santiago de Compostela, a Costa da Morte ou a Ribeira Sacra, Galicia acolle gran parte da rodaxe, que arrancou en Barcelona o pasado mes de setembro. Giselle Llanio e Jesús Font dirixen un elenco coral, no que teñen papeis destacados intérpretes galegos como Luis Iglesia, María Costas, Manuel San Martín ou Cristina Andrade. Os dous primeiros interviñeron nas escenas rodadas esta mañá no Obradoiro xunto a Ane Gabarain e Anna Azcona.

Esta comedia para todos os públicos segue, a modo de road movie, a viaxe dun grupo do Imserso que se ve implicado nunha serie de roubos de obras de arte. A serie estrearase o ano que vén en versión orixinal nas tres televisións autonómicas.

Comparte