Nova: A Xunta destina preto de 50.000€ a unha exposición conxunta do CGAC co Es Baluard Museu de Palma sobre Jannis Kounellis, máximo expoñente da arte povera

17/11/2025

A Xunta destina preto de 50.000€ a unha exposición conxunta do CGAC co Es Baluard Museu de Palma sobre Jannis Kounellis, máximo expoñente da arte povera

O Consello dá o visto e prace ao convenio plurinanual entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e esta institución que ascende a 95.785€

A mostra temporal exhibirase primeiramente no centro museístico da capital de Mallorca, do 4 de decembro ao 30 de agosto do ano que vén

A continuación, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá esta instalación, do 25 de setembro de 2026 ao 21 de febreiro de 2027

O proxecto estará deseñado e comisariado polo galego David Barro, actual director do museo mallorquino

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025.- A Xunta de Galicia colaborará con preto de 50.000€ na posta en marcha dunha exposición temporal conxunta entre o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Es Baluard Museu Dart Contemporani de Palma que versará sobre o artista grego Jannis Kounellis, un dos creadores máis importantes do século XX e o máximo expoñente da coñecida Arte Povera, caracterizada polo emprego de materiais desbotados e de refugallos.

Así se acordou hoxe no Consello da Xunta, no que se lle deu o visto e prace ao convenio plurianual entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Fundación Es Baluard por valor de 95.785 euros co obxecto de desenvolver o proxecto itinerante Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes. Trátase dun iniciativa de carácter única e específica, xa que está deseñada e producida polos propios centros museísticos para súa exhibición nas súas respectivas instalacións.

A mostra inaugurarase o 4 de decembro deste ano e ata o 30 de agosto do ano que vén, no Es Baluard Museu D’ART Contemporani de Palma, xa que está comisariada polo seu director, David Barro, quen, ademais de ter orixe galega, ten desenvolvido numerosos proxectos expositivos no mesmo CGAC ao longo da súa traxectoria profesional. Tras a súa clausura na capital balear, a instalación será trasladada ao centro museístico da Xunta, onde abrirá ao público desde o 25 de setembro de 2026 ata o 21 de febreiro de 2027.

Primeira exposición sobre Kounellis en Baleares e Galicia

Cómpre destacar que a colección do Centro Galego de Arte Contemporánea posúe xa unha peza moi importante de Jannis Kounellis de carácter poético que funciona co rastro do fume de chamas de velas. No entanto, nunca se chegou a organizar nas súas salas unha exposición deste artista crucial da escena internacional da segunda metade do século XX.

Deste xeito, Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes será a primeira exposición institucional nas Illas Baleares e en Galicia do pintor, escultor e tamén creador vinculado á performance. Para iso, a mostra reunirá unha selección de obras do artista grego, procedentes de coleccións particulares españolas e internacionais, datadas entre 1993 e 2013.

De igual xeito, este proxecto converterase na primeira colaboración entre o centro museístico do Goberno galego e o Es Baluard Museu, que asumirán cada un deles a metade dos gastos comúns que supón a posta en marcha da mostra, que inclúe tamén a publicación de 800 exemplares do catálogo da exposición en castelán e inglés.

Comparte