Nova: A Xunta apoia con preto de 31.000 euros a cinco concellos de Ferrolterra para a mellora e equipamento das súas instalacións culturais
17/11/2025
A Xunta apoia con preto de 31.000 euros a cinco concellos de Ferrolterra para a mellora e equipamento das súas instalacións culturais
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta destas axudas no marco dunha visita ao centro cívico sociocultural das Somozas, onde se mellorou o acondicionamento acústico do salón de actos
Trátase da convocatoria de axudas para o equipamento e mellora de instalacións e locais empregados para a realización de actividades culturais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotada este ano dun orzamento de 500.000 euros
As Somozas (A Coruña), 17 de novembro de 2025
A Xunta apoia este ano con preto de 31.000 euros aos concellos de Ferrol, Mañón, Fene, Ortigueira e As Somozas na mellora e equipamentos das súas instalacións culturais. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución destas axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco dunha visita realizada esta mañá xunto ao alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, ao centro cívico sociocultural da localidade para comprobar o resultado dos traballos de acondicionamento acústico do salón de actos.
Concretamente, o Concello acometeu a instalación de diversos paneis a base de pranchas de fibra de PET, colgados de paredes e teito coa finalidade de reducir de maneira notable os niveis de reverberación que sofren as instalacións desde a súa inauguración, especialmente nos actos con pouco público. A achega autonómica para a acometida desta intervención ascendeu a 8.000 euros.
Durante a visita, Aneiros lembrou a que través desta orde dotada de 500.000 euros de orzamento, o Goberno galego, dentro da súa aposta pola dinamización cultural da Comunidade autónoma, “considera necesaria a mellora das condicións de equipamento e técnicas dos locais municipais co obxecto de axudar a redistribuír a actividade cultural e contribuír ao desenvolvemento neste eido das zonas menos poboadas para que os seus veciños teñan as mesmas oportunidades de acceso á cultura”, explicou.
Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións relativas ao equipamento e moblaxe de locais; a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural do local para o que se solicita a axuda e, en concreto, a realización de investimentos en equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, equipamento xeral, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e medidas de eficiencia enerxética dos edificios.


