Nova: Rueda avanza que no 2026 estarán xa en marcha as 4.000 vivendas comprometidas para duplicar o parque público de Galicia e chegar así ás 8.000

16/11/2025

Rueda avanza que no 2026 estarán xa en marcha as 4.000 vivendas comprometidas para duplicar o parque público de Galicia e chegar así ás 8.000

Destaca que Galicia conta cun Goberno que “cumpre cos seus compromisos” e que “seguiremos apostando por esa Galicia Calidade da que cada vez máis galegos e galegas se poidan sentir orgullosos”

Sinala que a comunidade chegará en 2026 aos 100.000 dependentes atendidos e contará co primeiro centro de protonterapia da sanidade pública en España

No eido da I+G+i, a ciencia e innovación galega, crearase a Fundación Galtia e arrincará a Fábrica de Intelixencia artificial

Meis (Pontevedra), 16 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que no 2026 estarán xa en marcha as 4.000 vivendas comprometidas na actual lexislatura para duplicar o parque público de Galicia. Así, ás 3.000 que xa están en marcha en diferentes estados de execución, sumaranse antes de que remate o vindeiro ano outros 1.000 aloxamentos, dos que o 25% dos de venda e o 40% dos de alugueiro estarán reservados aos mozos e mozas de menos de 36 anos.

O presidente, que interveu ante os medios tras o retiro de traballo do Executivo autonómico que tivo lugar esta fin de semana en Meis, puxo en valor que Galicia conta cun “Goberno unido, que traballa coordinadamente” e que “somos un Goberno de palabra que cumpre cos seus compromisos”.

Tal e como indicou o presidente, nos dous últimos días o Executivo galego analizou a folla de ruta para o próximo ano, na que se reflicte unha forte aposta pola I+G+i, a ciencia e a Innovación galega. Neste eido, Rueda destacou que en 2026 se poñerá en marcha a Fundación Galtia, para atraer talento, e arrincarase coa Fábrica de Intelixencia Artificial. Ademais, a comunidade contará en 2026 co primeiro centro de protonterapia da sanidade pública en España.

Outro dos obxectivos para o vindeiro ano, segundo subliñou o presidente, é chegar aos 100.000 dependentes atendidos, se non o impide o recurso  presentado polo Goberno central ao plan de choque para a dependencia impulsado pola Xunta, que supón un “risco certo de bloqueo”.

No ámbito normativo, está prevista a aprobación da primeira Lei de Educación Dixital e darase luz verde á nova Lei de Administración Local de Galicia. O presidente autonómico remarcou que 2026 será tamén o ano do Pacto pola Lingua e da renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua galega; e empezará a funcionar o Centro de Artes Dixitais.

En relación coa vivenda, a Xunta comezará a mercar locais en desuso para destinalos a vivenda e lanzaranse ademais axudas para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores beneficiarios dos programas de captación de talento.

Segundo salientou Rueda, tras a plena asunción das competencias na xestión da costa, seguirase a construír o Camiño do Litoral, desde Ribadeo ata A Guarda. E no tocante á mobilidade e as infraestruturas, remataranse as obras das estacións intermodais da Coruña e de Lugo para a súa posterior entrada en funcionamento; e avanzarase nas vías de Alta Capacidade Tui- A Guarda; na Nadela- Sarria; na Brión- Noia; na da Costa da Morte; na Variante de Viveiro; e na vía rápida ata A Lanzada.

No que respecta á enerxía, a Xunta vai continuar co plan de repotenciación dos parques eólicos “se o Goberno central non o impide con ese recurso incomprensible que formulou para despois sacar unha normativa que reproduce practicamente o que nós queriamos facer aquí e non nos deixan”. Galicia busca reducir os aeroxeradores de máis de 2.500 a arredor de 700, ao tempo que se incrementa a xeración de enerxía un 35%.

Ademais, melloraranse as infraestruturas contra o lume con investimentos nas bases aéreas e máis medios aéreos. A comunidade seguirase abrindo ao turismo de calidade, segundo sinalou o presidente, quen apuntou que se poñerán en marcha novas iniciativas, como a regulación do turismo mariñeiro.

O presidente autonómico concluíu que ”o ano 2026 ten que ser un ano de moitísimo traballo, un ano grande, preludio dese ano enorme que ten que ser para Galicia o ano 2027, o ano Xacobeo”. Así, sinalou que “seguiremos apostando por esa Galicia Galidade da que cada vez máis galegos e galegas se poidan sentir orgullosos como eu me sinto orgulloso do Goberno galego”.

Comparte