Nova: López Campos gaba o programa ‘Ponte...nas ondas’ por “poñer en valor na mocidade os lazos con Portugal”
14/11/2025
López Campos gaba o programa ‘Ponte...nas ondas’ por “poñer en valor na mocidade os lazos con Portugal”
A iniciativa cultural e pedagóxica, que celebra este ano o seu trinta aniversario, promove actividades entre escolares baseadas nos vencellos de Galicia coa lusofonía
Nos recoñecementos celebrados hoxe o alumnado elixe fotografías que reflicten o patrimonio inmaterial a ambos os dous lados do Miño
Destaca o compromiso por “incentivar o interese da xente moza pola proximidade de ambas as dúas linguas, que nos conectan con 270 millóns de persoas de fala lusa”
Lembra que o Goberno galego imparte materias de portugués nun centenar de centros, con máis de 6.300 alumnos matriculados
Vigo, 14 de novembro de 2025 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe a iniciativa “de poñer en valor os lazos identitarios, culturais e lingüísticos con Portugal entre a mocidade”, durante a entrega dos premios As imaxes do patrimonio, que organiza a asociación Ponte... nas ondas.
Así, o representante da Xunta felicitou á entidade, tras lembrar que foi unha das recoñecidas polo Goberno autonómico nos Premios da Cultura Galega 2023 na categoría de Lingua, por “incentivar o interese da xente moza polos vencellos que nos unen coa lusofonía, un dos eidos onde tamén poñemos o foco desde a Administración a través do Pacto pola Lingua que estamos a desenvolver”.
Neste senso, fixo fincapé en que o Goberno galego imparte materias de lingua portuguesa nun centenar de centros con máis de 6.300 alumnos matriculados, o que supón 2.550 máis que hai dous anos e un incremento do 40%, afianzando así, dixo, “o noso compromiso con visibilizar entre os máis novos os beneficios da proximidade entre as dúas linguas e a grande vantaxe que supón utilizalas para abrirnos ao mundo a través dos países lusófonos”. “Desde o galego podemos movernos polo mundo ao estar conectados cunha comunidade de máis de 270 millóns de persoas de fala portuguesa”, engadiu.
Conexión co patrimonio
Neste ano, no que o programa Ponte... nas Ondas celebra o seu trinta aniversario, e na antesala a celebrar o Día do Patrimonio Cultural, o próximo domingo, tal e como destacou o conselleiro de Cultura, entregáronse os premios dunha das propostas culturais e educativas que organizan ao longo do ano. Trátase dunha recollida de imaxes do patrimonio inmaterial galego-portugués por parte do alumnado que contribúe “na recuperación e transmisión deses bens comúns en Galicia e no norte de Portugal”, apuntou López Campos.
Nesta liña, gabou “o traballo de gañadores e participantes, así como o do profesorado e dos equipos de normalización lingüística dos centros, porque detrás de cada fotografía, cada texto e cada podcast hai horas de dedicación e ilusión por seguir coidando da nosa cultura compartida”.
Unha iniciativa que medrou cos anos
Ponte... Nas Ondas é unha Asociación Cultural e Pedagóxica que nace en 1995 a raíz dun día de radio entre un grupo de 16 centros escolares situados en ambas as dúas beiras do río Miño, con motivo da inauguración dunha ponte entre as localidades de Salvaterra do Miño (España) e Monção (Portugal).
A iniciativa educativa comezaba cunha xornada de emisión de 12 horas de programación radiofónica realizadas integramente por alumnado galego e portugués. Desde o 2023 chegou ás 24 horas con programas producidos por máis de 50 centros educativos, sendo o galego e o portugués as linguas comúns da emisión, mais coa participación de centros de Arxentina, Cuba, Chile e Colombia, o castelán tamén se incorporou á experiencia.
O éxito acadado foi o que levou á constitución da asociación co obxectivo de impulsar actividades educativas e culturais en Galicia e o Norte de Portugal.


