Nova: A Xunta apoia a participación de sete creadores galegos no festival internacional ‘Eñe’ en Madrid

14/11/2025

A Xunta apoia a participación de sete creadores galegos no festival internacional ‘Eñe’ en Madrid

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste á sección dedicada a Galicia dun certame que conta con 180 autores de  23 países de Europa e Latinoamérica

Salienta que a cultura galega amosa a súa “forza e diversidade de linguaxes” a través de Pepe Coira, Su Garrido, Araceli Gonda, Olga Novo, Miriam Reyes, Samuel L París, e Camilo Franco, que exerce como comisario

Esta cita desenvolve 90 actos en sedes culturais de Madrid e Málaga con encontros, conversas, recitais e cafés literarios ata o 30 de novembro

Madrid, 14 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe “a forza e a diversidade de linguaxes que abrangue a nosa cultura” que se amosará hoxe e mañá en Madrid a través dos sete creadores que participarán no espazo Ventá á literatura galega, no marco do Festival Eñe, e que conta co apoio da Xunta. Esta cita internacional reúne, desde principios desta semana e ata o 30 de novembro, 180 autores de 23 países de Europa e Latinoamérica nun total de 90 actos que se están a desenvolver nesta cidade e na de Málaga.

Precisamente, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asistirá esta fin de semana aos encontros e conversas, en diferentes formatos, cos que Ventá á literatura galega difundirá "todo o talento e versatilidade da nosa cultura”, destacou sobre a participación dos guionistas Pepe Coira e Araceli Gonda, a compositora e música Su Garrido e os poetas Samuel L. París, Olga Novo e Miriam Reyes, estas dúas últimas Premios Nacionais de Poesía 2025 e 2020, respectivamente.

Deste xeito, baixo a ollada do xornalista e comisario Camilo Franco, despregaranse tres encontros que “permitirán dar a coñecer como se contan hoxe as historias desde Galicia e como a creación contemporánea rompe os límites entre xéneros e formatos”, resumiu Anxo M. Lorenzo.

En concreto, ofrecerase un diálogo entre Araceli Gonda e Pepe Coira sobre a narrativa audiovisual e o poder das historias. Este encontro completarase coa conversa entre Miriam Reyes e Samuel L. París sobre o lugar que ocupa a poesía na escena actual, e rematarase cun recital poético-musical de Olga Novo e Su Garrido Pombo.

Para o director xeral de Cultura a Ventá á literatura galega supón “toda unha xanela que permite descubrir a nosa escena cultural viva e talentosa e unha oportunidade para escoitar, ver e ler como Galicia escribe, relata e canta o seu tempo”, avanzou sobre as actividades da sección.

Comparte