Nova: Redrum Teatro estrea en Ourense a comedia distópica ‘Nas nubes’, producida cunha das axudas da Xunta á creación escénica
14/11/2025
Redrum Teatro estrea en Ourense a comedia distópica ‘Nas nubes’, producida cunha das axudas da Xunta á creación escénica
O espectáculo insírese no plan trienal 2025-2027 para o que a compañía compostelá obtivo unha achega de 100.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Leva a escena a obra coa que José Luis Baños de Cos gañou o Premio Barriga Verde 2022 cunha reflexión do impacto da tecnoloxía na identidade e na memoria colectiva
Ademais da súas funcións en Ourense e Lugo dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, poderá verse tamén na Laracha
Ourense, 14 de novembro de 2025
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá en Ourense na presentación do novo espectáculo de Redrum Teatro, Nas nubes, que se estrea mañá sábado 15, ás 20,00 h., no Teatro Principal da cidade das Burgas. O espectáculo, integrado no proxecto plurianual polo que a compañía compostelá obtivo unhas das axudas da Xunta á creación escénica, prográmase no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración cunhas 40 entidades locais de toda Galicia.
Na rolda de prensa, Sutil explicou que Redrum conta cunha subvención de 100.000 euros como unha das tres compañías seleccionadas na modalidade destinada a garantir a continuidade dos seus equipos e proxectos no trienio 2025-2027. “No caso de Redrum, este apoio tradúcese na produción tanto de Nas nubes como de Caídas, dúas propostas que amosan o compromiso da compañía coa creación contemporánea e co diálogo entre o teatro e as novas realidades sociais”, continuou.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude engadiu que esta é dunha das categorías da convocatoria de axudas á creación escénica, a través da que en 2025 se concederon 870.000 euros a 25 compañías galegas para a produción de 30 novos espectáculos.
Entre o humor e a reflexión
Nas nubes leva a escena a obra coa que José Luis Baños de Cos se alzou en 2022 co XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na modalidade de adultos, convocado bienalmente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Nela, combina humor, surrealismo e reflexión para abordar o impacto da tecnoloxía na identidade e na memoria colectiva. Así, entre risas e xogos de improvisación, o espectáculo pon o foco na deshumanización e a fraxilidade da identidade nun mundo dominado polo virtual.
A dirección de Nas nubes corre a cargo de Álex Sampayo e o elenco está formado por Xúlio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo. O deseño de iluminación é de Carlos Álvarez-Ossorio; o espazo sonoro, de Davide González e o vestiario, de Raquel G. Crespo. Marta Alonso asina a dirección de movemento e coreografía, mentres que Escenoset é responsable da construción da escenografía e Nicolás Zamorano da creación dos monicreques. Completan o equipo Malala Ricoy na asesoría circense, Rubén Porto como axudante de produción e Guillermo Carbajo na distribución.
A montaxe, que tivo a súa preestrea en Teo a finais de outubro, poderá verse o vindeiro día 28 na Laracha e, tamén dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o 4 de decembro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
