Nova: López Campos erixe as librarías como “espazos claves” de dinamización lectora e da economía do sector cultural
11/11/2025
López Campos erixe as librarías como “espazos claves” de dinamización lectora e da economía do sector cultural
O titular de Cultura salienta que Galicia é a segunda Comunidade con máis número destes locais por habitante
Destaca que o 73 % dos galegos e galegas mercan os seus libros nelas, fronte ao 33,5 % que o fan a través de Internet
Pon en valor o incremento de compra de publicacións de lecer e de lectura “por riba da media nacional”
Celebra estes “excelentes indicadores” que atribúe aos plans específicos do Executivo autonómico e tamén o papel que exercen estes locais entre a sociedade
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe as librarías como “espazos claves de dinamización lectora e da economía do sector cultural”. Así o aseverou nunha visita a un destes establecementos que realizou, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, co gallo da celebración do Día das Librarías.
Precisamente, o titular de Cultura do Goberno galego subliñou o seu importante papel en Galicia, “que se sitúa na segunda Comunidade con máis librarías por habitante, con 9,3 locais por cada 100.000 persoas”. Ao respecto, apuntou os “excelentes indicadores” do Informe de Hábitos Lectores de 2024, que revela que o 67, 4 % dos galegos e galegas mercou o pasado ano algún libro, “case un 4 % máis que no anterior e un 2 % superior á porcentaxe que rexistra a media nacional”. Neste mesma liña, salientou o feito de que, “unha altísima porcentaxe, máis do 73 %, compráronos nestes establecementos tradicionais, fronte a un 33,5 % que o fai por Internet”.
Para o conselleiro, estes datos “non fan máis que confirmar que estamos ante un servizo esencial no desenvolvemento económico do noso sector cultural e tamén na dinamización da lectura, e na nosa lingua”, aseverou, xa que puxo o foco en que “preto do 64 % dos galegos e galegas le habitualmente na nosa lingua”.
En canto a estas porcentaxes, López Campos tamén salientou o feito de que o 67,4 % dos galegos mercou o pasado ano algún libro, “un 3,8 % máis que no anterior e un 2 % superior á porcentaxe que rexistra a media nacional”. Neste senso, fixo fincapé na mellora rexistrada dos hábitos lectores en Galicia, “incrementándose en case cinco puntos as lectura de lecer, ata acadar o 66,2 % das mesmas, o que sitúa a nosa Comunidade por riba da medida do Estado”.
O responsable de Cultura do Executivo autonómico celebrou todos estes “bos indicadores” que asegurou se verán “reforzado” co Plan de Dinamización da Lectura que está previsto pór en marcha entre 2025-2029 con 32 millóns de euros para desenvolver 115 medidas ata 2029. Ademais, recoñeceu “o relevante labor” que, neste eido, desenvolven as librarías, “cunha actividade que vai máis aló do comercial cultural con programacións de divulgación que suman enormemente, como estamos a comprobar, no bo momento das nosas letras e da lectura, e na nosa lingua”, concluíu.




