Nova: A Xunta incrementa en máis de 250.000€ o convenio para restaurar a catedral de Mondoñedo

11/11/2025

A Xunta incrementa en máis de 250.000€ o convenio para restaurar a catedral de Mondoñedo

  • O Consello autoriza a addenda de prórroga e modificación do acordo coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol que permite ampliar tanto a partida como o prazo de execución
  • Con este cambio, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aumenta de 566.191€ a 818.188€ o seu investimento neste ben senlleiro
  • Estas intervencións realízanse ao abeiro do Plan Catedrais Galicia que conta cun orzamento de 38 M€ para condicionar un total de oito templos

O Goberno galego incrementará en máis de 250.000€ o investimento nas obras de restauración da catedral de Mondoñedo, que se levan a cabo ao abeiro do convenio coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol para o período 2024-2025. Así o autorizou hoxe o Consello da Xunta que lle deu o visto e prace a addenda de prórroga e modificación desta colaboración, co que a achega final da Administración autonómica pasará de 566.191€ aos 818.000€ e permitirá incorporar unha nova anualidade, ampliándose as actuacións ata o ano 2026.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura Lingua e Xuventude asinou en 2024 un  Convenio de colaboración coa Diocese de Ferrol-Mondoñedo destinado non só a contribuír na restauración da catedral de Mondoñedo, senón tamén a levar a cabo obras de conservación na torre sur da concatedral de San Xiao de Ferrol.

No caso concreto de Mondoñedo, os traballos están encamiñados a reparar as vigas da cuberta solucionando ademais as patoloxías detectadas durante a restauración da estrutura. Estas obras iniciáronse hai un ano co traballo no taller de carpintería. No entanto, as dificultades que xurdiron no desenvolvemento da intervención, así como un aumento de elementos estruturais substituídos, foi o que obrigou a redactar un proxecto modificado, ampliando o prazo e o investimento previsto.

No caso da concatedral de San Xiao, a achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixada no convenio asinado en 2024 foi de 318.000 euros para levar a cabo obras de restauración da torre sur, durante ese mesmo ano e en 2025, co obxecto de resolver a deterioración vencellada co paso do tempo, coas inclemencias meteorolóxicas e coa polución. Finalmente, estas actuacións remataranse no primeiro trimestre de 2026, polo que a addenda aprobada hoxe no Consello da Xunta posibilita reordenar, sen incremento dunha partida a maiores, os orzamentos xa fixados en 2025 para incorporalos en 2026 como nova anualidade.

Plan Catedrais

Estas actuacións forman parte da liña de traballo da Consellería de cultura, Lingua e Xuventude para conservar e pór en valor o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade ao abeiro do Plan Catedrais Galicia 2021-2027.

 

Trátase da folla de ruta para actuar nos templos catedralicios de Galicia co horizonte de 2027 e conta con 38 millóns de euros para actuar en oito templos: as catedrais de Santiago de Compostela, Lugo, Mondoñedo, San Martiño de Ourense e Tui, a antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e as concatedrais de San Xiao de Ferrol e Santa María de Vigo.

Comparte