Nova: A Xunta incrementa ata os 290.000 euros a dotación das subvencións para festivais profesionais de artes escénicas
11/11/2025
A Xunta incrementa ata os 290.000 euros a dotación das subvencións para festivais profesionais de artes escénicas
- O Consello dá luz verde a esta liña de apoio a mostras estratéxicas para o sector cun aumento do 3,5% respecto da convocatoria de 2025, a través da que se contribuíu ao desenvolvemento de 13 citas
— A publicación adiantase respecto a anos anteriores e autorízase a posibilidade de pagamentos anticipados de ata o 80% para axilizar o acceso ao financiamento das entidades organizadoras e facilitarlles unha maior estabilidade na súa xestión
O Consello da Xunta aprobou hoxe as bases e a próxima convocatoria das subvencións de 2026 a festivais de artes escénicas, convocadas anualmente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a organización profesional de mostras consideradas estratéxicas neste sector cultural. Esta liña de axudas incrementa a súa dotación ata os 290.000 euros, un 3,5% máis que este 2025, ano no que se contribuíu con 280.000 euros ao desenvolvemento de 13 mostras nas catro provincias.
Mantense así a tendencia ascendente no seu orzamento, que se reforza novamente tras o aumento de máis do 30% experimentado en 2024. Co seu apoio, o Goberno galego recoñécelle a este tipo de citas o seu papel como dinamizadores culturais e como polos de atracción turística das súas contornas, ademais de como plataforma para unha maior proxección social da actual produción escénica de Galicia.
Outras das novidades ten que ver co adianto da súa convocatoria, que este ano se realizou en marzo, así como coa autorización do pagamento anticipado de ata o 80% da subvención. Deste xeito, axilizarase o acceso ao financiamento autonómico por parte das entidades organizadoras dos devanditos festivais e contribuirase, xa que logo, á súa estabilidade e mellora na xestión das súas programacións.
Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, poden optar a estas axudas empresas privadas e entidades locais galegas, así como asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, para a organización de festivais profesionais de artes escénicas con datas de celebración comprendidas entre o pasado 1 de novembro e o 31 de outubro de 2026.
Contratación de compañías galegas
Os certames candidatos deberán ter realizadas dúas edicións anteriores e programar un mínimo de seis compañías. Entre os requisitos esixidos, establécese tamén que o orzamento destinado á contratación artística deberá acadar o 40% do total e del, cando menos un 30% deberá investirse en compañías compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia. Ademais, un mínimo do 60% da carteleira ten que ser de pago por parte do público, excepto nos festivais de rúa.
A contía máxima da axuda é de 60.000 euros por proxecto, podendo alcanzar ata o 60% do orzamento subvencionable. Esta porcentaxe elévase ata o 85% no caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou daquelas resultantes de fusión.
