Nova: A Xunta colaborará con 250.000€ na adecuación do centro cultural Torrente Ballester de Ferrol
11/11/2025
A Xunta colaborará con 250.000€ na adecuación do centro cultural Torrente Ballester de Ferrol
- O consello dá luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello para converter o espazo no futuro museo da cidade
- A partida recollida nos orzamentos de 2026 complementa o primeiro investimento de 10.000€ feito este ano para iniciar os traballos de recuperación do inmoble
- Cun custo total de máis de 500.000€, a actuación abrangue o acondicionamento de salas, a renovación das instalacións eléctricas ou a reparación de cubertas e fachadas
- A iniciativa responde ao compromiso do Goberno galego coa dotación das mellores infraestruturas culturais en todo o territorio ao servizo da cidadanía
A Xunta de Galicia colaborará con 250.000€ no proxecto de adecuación do centro cultural Torrente Ballester de Ferrol para mellorar os seus espazos e habilitalos para o seu futuro uso como museo da cidade. Así se acordou hoxe no Consello co visto e prace ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello para levar a cabo a actuación, que conta cun orzamento total de 512.000€.
A iniciativa responde ao compromiso que mantén a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con dotar o territorio coas mellores infraestruturas culturais colaborando coas distintas administracións, especialmente as locais, e investindo en proxectos que poñen os recursos máis axeitados neste eido ao servizo da cidadanía.
Nesta liña, o Goberno galego afianza a súa implicación con Ferrol promovendo a posta en marcha das súas propias instalacións museísticas co obxectivo de que se convertan nun referente na comarca, e para o que precisa renovar, restaurar e modernizar un inmoble que leva o nome dun ilustre da cidade, un dos escritores galegos máis recoñecidos. Deste xeito, a intervención neste espazo, que polas súas condicións de conservación actuais non permite o uso como museo, está destinada a solucionar as patoloxías causadas por humidades e filtracións e as deficiencias que presenta na cuberta e nos acabados interiores e exteriores, ademais de renovar o sistema de protección contra incendios e as instalacións eléctricas e de eficiencia enerxética.
Traballos a desenvolver nas instalacións
A actuación prevista no Centro Torrente Ballester céntrase na mellora funcional e da calidade dos seus espazos. Así, desenvolveranse traballos que teñen que ver coa adecuación das salas de exposición e doutros espazos interiores como aseos ou almacéns, así como na substitución do mobiliario por elementos máis idóneos para un centro museístico moderno. A isto súmaselle a actualización dos sistemas contraincendios e de emerxencias, así como o cambio na iluminación e nas instalacións de ventilación do edificio.
No que ten que ver co exterior do inmoble levarase a cabo a reparación da cuberta coa reposición de tellas, a recolocación de pezas soltas e a revisión de encontros. Tamén se procederá á substitución da cuberta do patio cunha cubrición acristalada e contémplase o pintado das fachadas e a urbanización no lateral noroeste.
A execución das obras está prevista para o 2026 cunha duración de seis meses a partir da súa adxudicación, e para o que a Xunta achega 240.000€. Os outros 10.000€ corresponden á anualidade de 2025 para a redacción do proxecto que xa foi entregado no pasado mes de outubro pola empresa adxudicataria.
Historia do inmoble
O proxecto orixinal do edificio, antigo Hospital da Caridade ubicado no barrio da Magdalena, é de Dionisio Sanchez Aguilera, iniciado en 1783 e finalizado en 1796. En 1998 realízase un proxecto de reforma e ampliación a cargo de Juan Pérez-López de Gamarra para transformar o hospital en Centro Cultural.
Este proxecto estaba dividido en dúas fases, das que só se levou a cabo a primeira, reformando e rehabilitando o corpo da fachada principal, os dous corpos laterais e o patio central. A segunda prevía uns novos volumes traseiros que debían acoller un grande auditorio e outros novos usos para o que se propoñía unha nova entrada lateral.
