Nova: López Campos destaca que o Hematofesti “vai camiño de consolidarse na nosa programación cultural”
08/11/2025
López Campos destaca que o Hematofesti “vai camiño de consolidarse na nosa programación cultural”
Vigo, 8 de novembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe a unha das actividades programadas no festival de humor e literatura infantil Hematofesti, onde felicitou á organización, liderada por Ledicia Costas e Alberto Vázquez, pola segunda edición desta iniciativa que homenaxea ao escritor e comunicador coñecido como O Hematocrítico, falecido en 2023.
Neste senso, o representante da Xunta mostrou o seu apoio a unha proposta “que vai camiño de consolidarse na programación cultural de outono para o público familiar” e que conta coa colaboración do Goberno galego na liña de enriquecer “unha oferta de lecer diversa, ampla, plural e de calidade para toda a cidadanía”. Así, o responsable autonómico de Cultura gabou o “intenso calendario e a implicación dos artistas e creadores galegos con este festival” que hoxe celebrou a súa xornada de peche, tras cinco días de obradoiros, lectura, charlas, proxección de curtas, contacontos ou concertos.
