Nova: López Campos anuncia que o vindeiro ano se porá en marcha un concurso de ideas para ampliar o espazo expositivo do Museo do Mar de Galicia

08/11/2025

López Campos anuncia que o vindeiro ano se porá en marcha un concurso de ideas para ampliar o espazo expositivo do Museo do Mar de Galicia

O representante do Goberno galego destaca que se procura “a mellor solución” para a posta en valor e divulgación dos xacementos arqueolóxicos que acolle esta superficie

Salienta o “importe pulo” que suporá para este centro museístico, ao tempo que “unha demostración máis do compromiso da Xunta coa cidade de Vigo”

Vigo, 8 de novembro de 2025

A Xunta porá en marcha o vindeiro ano un concurso de ideas para ampliar o proxecto expositivo do Museo do Mar de Galicia. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a visita á finca anexa ás instalacións do espazo museístico “que vai ser incorporada para o desenvolvemento de actividades culturais”.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno Galego explicou que, con este fin, proponse de cara ao 2026 o inicio destes traballos técnicos para acadar esta ampliación “do xeito máis eficaz”.  Ao respecto, lembrou que nesta parcela, situada nas inmediacións do museo, existe un xacemento arqueolóxico, “que está sendo obxecto de estudo nos últimos anos por parte da Universidade de Vigo”. “E o noso obxectivo agora é incorporalo ás zonas visitables deste centro museístico”, subliñou.

En concreto, López Campos indicou que se trata dunha superficie na que se localizaron “estruturas tardorromanas e numerosas pezas de cerámica, que apuntan a que podería tratarse dunha antiga vila relacionada coa actividade salgadeira”. Por estes motivos, considerou necesario “sacarlle o máximo proveito a este gran potencial cultural e arqueolóxico que se evidencia substancial para coñecer o noso pasado máis senlleiro”.

Con este obxectivo, o responsable de Cultura da Xunta destacou “o axeitado” de pór en marcha o concurso de ideas para “atopar a mellor solución que permita a posta en valor e divulgación de todos os relevantes achados que se teñen descuberto ata o momento”.

Compromiso con Vigo

López Campos salientou que esta ampliación do espazo expositivo do Museo do Mar de Galicia supón por parte do Goberno galego un “importante pulo” a un referente cultural da cidade e de toda a Comunidade en materia de patrimonio marítimo, “á vez que demostra o compromiso da Administración Autonómica coa desenvolvemento da cidade en xeral, e da súa cultura, en particular”.

Neste senso, referiuse á adquisición por parte da Xunta, da man da Deputación de Pontevedra, do Teatro Cine Fraga, “do que xa temos listo o seu plan de usos, adxudicado  ao arquitecto César Portela a dirección e o plan de obras que, en breve, serán licitadas para contar en 2027 cun espazo sociocultural pioneiro e referente en Galicia no noroeste peninsular”, subliñou.

Comparte