Nova: López Campos destaca “a posta en valor como referente cultural” do Pazo de Moldes en Boborás
04/11/2025
López Campos destaca “a posta en valor como referente cultural” do Pazo de Moldes en Boborás
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita a que foi casa natal de Losada Diéguez tras o remate das actuacións nas que a Xunta leva investidos case 95.000€
Trátase dunha intervención dividida en dúas fases que se encadra “no compromiso con impulsar espazos que manteñan viva a nosa identidade e visibilicen o legado dos persoeiros que contribuíron a forxala”
Boborás (Ourense), 4 de novembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o Pazo de Moldes, no municipio ourensán de Boborás, tras as obras de reforma e consolidación nas que a Xunta de Galicia leva investidos case 95.000€ en dúas fases. Trátase dunha actuación que, tal e como explicou o titular de Cultura, responden ao compromiso do Goberno galego “con impulsar e poñer en valor espazos e infraestruturas que promovan a nosa cultura e manteñan viva a memoria dos persoeiros que contribuíron a forxala”.
Deste xeito, o representante do Goberno galego comprobou o resultado desta segunda fase de actuacións, que contou cunha achega de 47.000€, na que foi a casa de Antón Losada Diéguez co obxectivo, puntualizou, “de que sexa un punto de referencia tanto en Ourense como en Galicia para seguir afondando e descubrindo a vida e obra dunha das figuras importantes da cultura e identidade galegas”.
Con este compromiso, lembrou López Campos, leváronse a cabo diversos traballos neste inmoble, en proceso de musealización e que é sede da Fundación Losada Diéguez, dándolle continuidade a outras accións rematadas no 2021. Así, desta volta as intervencións centráronse na rehabilitación da cuberta da capela para evitar a entrada de auga, así como na restauración da cuberta da vivenda e a mellora do balcón da fachada suroeste da mesma.
Trátase dunhas medidas coas que, destacou o conselleiro, “continuamos co proceso de rexeneración do conxunto residencial e edificacións adxuntas que permitirán o seu aproveitamento nas mellores condicións para contar a historia de Losada Diéguez, reforzando e facendo visible o seu legado á cidadanía”.


