Nova: A Xunta ofrece unha nova edición de ‘Augal’ para fortalecer a formación académica en conexión co sector audiovisual
04/11/2025
A Xunta ofrece unha nova edición de ‘Augal’ para fortalecer a formación académica en conexión co sector audiovisual
Con matrícula gratuíta e proxeccións abertas ao público xeral, dará comezo mañá e desenvolverase ata o 25 de marzo na Facultade de Comunicación do campus pontevedrés da Xunqueira
O programa 2025-2026 inclúe nove sesións arredor de longametraxes, curtas e documentais galegos, ademais do concurso universitario A Canteira-AuGAL
Contará con profesionais como Ángeles Huerta, Miguel Ángel Delgado, Anxos Fazáns, ou Daniel Sánchez Arévalo, e títulos como ‘Antes de nós’, ‘As liñas descontinuas’, ‘San Simón’, ‘Rondallas’ ou ‘Sirat’
Pontevedra, 4 de novembro de 2025
A 15ª edición de AuGAL-Masterclass Audiovisual Galego, iniciativa formativa que combina proxeccións e coloquios arredor da creación cinematográfica e televisiva galega máis actual, dará comezo mañá cunha sesión de curtas do alumnado na Facultade de Comunicación do campus da Xunqueira, en Pontevedra, onde se desenvolverá ata o 25 de marzo de 2026 a través doutras oito citas de matrícula gratuíta e abertas ao público xeral.
A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo volven colaborar para facer posible este ciclo, que este ano suma tamén o apoio da Deputación Provincial de Pontevedra co obxectivo de continuar a fortalecer a formación no eido audiovisual e servir de espazo de interacción entre estudantes e profesionais do sector, ademais de sumarse como pantalla de cinema á oferta de ocio da cidade.
A directora de fotografía Alicia Francés ou cineastas como Ángeles Huerta, Alejandro Gándara, Ariadna Silva, Miguel Ángel Delgado, Anxos Fazáns ou Daniel Sánchez Arévalo, entre outros, presentarán os seus últimos filmes na 15ª AuGAL, ademais de Paula Pereira, Alba Domínguez, Gon Caride ou Alejandro Jato na realización de curtametraxes.
Aprendizaxe con reflexión
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da nova edición do encontro xunto ao profesorado responsable da organización e representantes das institucións implicadas. Na súa intervención, destacou a consolidación de AuGAL ao longo dous seus 15 anos de traxectoria como espazo estable de aprendizaxe, reflexión e encontro arredor do audiovisual galego, “o que contribúe á necesaria conexión entre o ámbito académico e o sector profesional”, expresou.
Tamén puxo en valor “a presenza de novas voces e creadoras que reflicten a diversidade e o dinamismo dunha industria en constante evolución, capaz de abordar todo tipo de xéneros e formatos desde unha identidade propia”.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou, ademais, que a colaboración institucional, que se amplía en AuGAL 2025-2026, “é un exemplo do compromiso xeral coa pedagoxía e coa difusión das producións feitas en Galicia, abríndolles a toda a cidadanía e ás xeracións novas a posibilidade de coñecer de primeira man o proceso creativo que hai detrás de cada obra”.
Máis horas lectivas e contactos co sector
O ciclo, coordinado polo profesor Paulino Pérez e cunha duración total de 31 horas lectivas, amplía a súa carga formativa respecto ao pasado ano co obxectivo de reforzar as oportunidades de aprendizaxe e contacto directo coa realidade profesional para o alumnado. As sesións, que terán lugar na Aula de Cine da Facultade de Comunicación, contarán coa presenza das persoas responsables da dirección, guión ou produción de cada obra, o que lles permitirá aos asistentes dialogar directamente cos seus protagonistas e achegarse en detalle de cada produción.
A primeira cita, mañá 5 de novembro a partir das 16,00 h., estará dedicada ao visionado de 10 curtas producidas polo alumnado da Facultade no curso pasado, coa entrega do premio á mellor da selección do certame A Canteira-AuGAL.
O 12 de novembro celebrarase unha master class sobre dirección de fotografía a cargo de Alicia Francés, profesional galega con ampla traxectoria no cinema e na televisión. O día 18 proxectarase a longametraxe Antes de Nós, presentada pola súa directora, Ángeles Huerta; e o 26 será a quenda do documental 360 curvas (2025), coa participación de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, á fronte da realización. Xa en decembro, o día 3, proxectarase o filme San Simón, que tivo a súa estrea no Festival Internacional de Cine de San Sebastián e será comentada polo seu director, Miguel Ángel Delgado.
O ciclo retomarase o 25 de febreiro cunha sesión de curtas presentadas polas persoas responsables da súa dirección ou guión e na que se inclúen Algo novo que contar (Paula Pereira), Delincuente (Alba Domínguez e Nuria Vil), Un novo día (Gon Caride) e Curmán (Alejandro Jato). O 4 de marzo exhibirase a longa As liñas descontinuas, coa participación da directora Anxos Fazáns e da produtora Silvia Fuentes, e o 18 de marzo será a quenda de Rondallas, nunha sesión na que se abordará a película da man do seu realizador, Daniel Sánchez Arévalo.
A programación pecharase o 25 de marzo coa proxección de Sirat, dirixida por Oliver Laxe, Premio do Xurado no Festival de Cannes 2025 e elixida pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas para representar a España na categoría de Mellor Película Internacional nos premios Oscar de Hollywood. Esta última cita rematará coa entrega de diplomas ao alumnado participante en AuGAL 2025-2026.

