Nova: A Filmoteca de Galicia consolídase como garante da memoria audiovisual galega e da formación de públicos activos

03/11/2025

A Filmoteca de Galicia consolídase como garante da memoria audiovisual galega e da formación de públicos activos

  • O consello da Xunta avalía as liñas de actuación para 2026, cando se acometerá a dixitalización das películas producidas por Víctor Ruppen e a restauración de filmes de Eloy Lozano e Ernesto Díaz-Noriega, así como títulos emblemáticos dos anos 70
  • Haberá retrospectivas dedicadas a cineastas como Maroun Bagdadi, Hiroshi Shimizu, Rudy Burckhardt, Iván Castiñeiras, Rainer W. Fassbinder ou Yvonne Rainer e a temáticas como os postcolonialismos ou a orixe do cinema afroamericano
  • O ciclo ‘Territorios mutantes’ abordará cuestións que forman parte do debate social e artístico actual
  • Entre os novos proxectos destaca a produción propia de curtametraxes realizadas a partir de materiais procedentes do arquivo fílmico

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2025.- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elevou hoxe ao Consello da Xunta o informe de actividades e liñas de actuación para 2026 da Filmoteca de Galicia, no que se reflicte a súa consolidación como principal centro garante da memoria audiovisual galega a través da preservación do noso patrimonio fílmico, así como o impulso de programacións de sala e didácticas que acaden públicos activos para o cinema.

No documento faise especial fincapé no avance dos labores de restauración, conservación e crecemento do fondo arquivístico, que nestes momentos atesoura 15.500 copias de materiais cinematográficos (unhas 3500 películas) e videográficos (máis de 12.000 cintas) con títulos que datan desde 1913. Tamén se garda unha colección de carteis cinematográficos que acada as 11.000 unidades e un fondo fotográfico con máis de 60.000 rexistros.

A catalogación e posta a disposición actual e para as vindeiras xeracións de todo este acervo audiovisual, que se incrementa cada ano con novas dotacións públicas e privadas, é unha das prioridades da cinemateca galega, que en 2025, ademais, viu reforzado este obxectivo por ser designada centro de conservación oficial do Depósito Legal de obras cinematográficas e televisivas.

Así, en 2026 continuarase coa dixitalización de títulos tan emblemáticos dos anos setenta como Fendetestas, O pai de Migueliño, O cadaleito ou O herdeiro, considerados como o nacemento do cine moderno en Galicia, así como a de todas as películas producidas por Víctor Ruppen, entre as primeiras realizadas en 35 mm en Galicia e en galego. Tamén se acometerá a restauración de filmes de Eloy Lozano e os do cineasta amateur por excelencia, Ernesto Díaz-Noriega, ademais de 7000 novas fotografías para a súa consulta e difusión.

Reflexión da realidade a través do cinema

No apartado de programación, está previsto o inicio do ciclo Territorios mutantes, dedicado aos desafíos aos que se enfronta o cinema á hora de abordar cuestións que forman parte do debate social e artístico actual, os dedicados a cineastas referenciais como Maroun Bagdadi, Hiroshi Shimizu, Rudy Burckhardt, Iván Castiñeiras, Rainer W. Fassbinder, Yvonne Rainer ou os temáticos Cine e postcolonialismos e Oscar Micheaux e as orixes do cine afroamericano. Os pases de sala serán reforzados en moitos casos con coloquios e presentacións a cargo dos responsables das obras, co que se pretende non só a captación e fidelización de asistentes á carteleira proposta, senón tamén a formación de públicos activos e participativos que poidan desenvolver unha recepción crítica.

Esta mesma filosofía é a que preside toda a actividade didáctica levada a cabo pola Filmoteca de Galicia, que continuará principalmente en 2026 cos programas Filmoteca Jr., Novas Miradas, Cine en Curso e Fotografía en Curso.

Outro dos proxectos que verá a luz o ano que vén é a produción propia de curtametraxes a cargo de cineastas galegos, coa utilización de imaxes a partir dos materiais do arquivo da Filmoteca. A finalidade é que estes materiais cobren nova vida e que as pezas resultantes redunden na súa maior visibilidade.

Nos indicadores de actividade estimados para 2026, están previstas 350 sesións (con 50 títulos galegos) de proxeccións na sala José Sellier, co obxectivo de chegar a máis de 12.000 espectadores, e serán 100 os novos materiais dixitalizados e recuperados. Nos programas Filmoteca Jr. e Novas Miradas prevese a participación de máis de 2000 estudantes procedentes de 20 centros de ensino; e en Cinema e Fotografía en Curso agárdase a implicación de 12 colexios e institutos, que achegarán 600 alumnos e alumnas para realizar catro películas e oito proxectos fotográficos.  

 

Comparte