Nova: A Xunta conclúe a declaración dos murais de Lugrís como Ben de Interese Cultural

30/10/2025

A Xunta conclúe a declaración dos murais de Lugrís como Ben de Interese Cultural

Recoñécense as 12 obras coa máxima protección pola súa alta calidade artística

A resolución, que se fai oficial coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pon en valor que se trata dun conxunto artístico complexo e cun carácter excepcional

Este recoñecemento eleva ata os 792 os elementos que contan con esta distinción en Galicia

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural dos murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña pola alta calidade artística das obras que, ademais, foron realizadas por unha das personalidades máis destacadas da arte galega. Este recoñecemento eleva ata os 792 os elementos que contan con esta distinción en Galicia.

Esta distinción, á que deu o seu visto e prace o Consello da Xunta a pasada semana e que completa agora a súa tramitación, valora que as 12 obras que compoñen o conxunto mural merecen formar parte do patrimonio cultural sobranceiro da comunidade pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións

Neste senso, o expediente pon en valor que se trata dun conxunto artístico complexo e cun carácter excepcional no que a pintura e a arquitectura forman parte dun todo único e só como tal pode comprenderse na súa auténtica dimensión artística.  Así mesmo, recoñécese o carácter excepcional destas pezas dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís ao no conservarse ningún conxunto desta natureza que de testemuño do nivel que chegou a adquirir no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.

Por outro lado, tense en conta que este conxunto é a representación máis evidente das experiencias persoais e culturais que marcaron a definición dun estilo propio e único, xa que reflicten os diferentes mundos do universo lugrisiano anteriores a outras influencias aprendidas. Neste senso, cómpre destacar que o pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memoria social que xa existía no século XIX, e que o conxunto de pezas formaba parte deste antigo local de hostalaría que ocupaba os andares baixo e primeiro de ambos os dous inmobles.

Trátase dun total de 12 pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, sereas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panorámicas da cidade, entre outros temas. Así, entre os elementos que aparecen representados destacan a Torre de Hércules, a antiga Comandancia da Mariña da Coruña ou o Castelo de San Antón.

Comparte