Nova: A Xunta mantén o seu compromiso co impulso da lingua galega nos orzamentos de 2026 cun novo incremento de 1 M€ para accións de dinamización

29/10/2025

A Xunta mantén o seu compromiso co impulso da lingua galega nos orzamentos de 2026 cun novo incremento de 1 M€ para accións de dinamización

López Campos destaca que a senda de crecemento iniciada neste exercicio manterase o vindeiro ano para poñer en marcha as medidas resultantes da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega

En total, as contas da Consellería medran ata os 150M€ para “seguir construíndo unha Galicia que sexa sinónimo de calidade en cultura, lingua ou xuventude”

Entre as principais novidades para 2026 está a posta en marcha dun plan especial para impulsar a cultura na Ribeira Sacra, no marco da súa candidatura a Patrimonio Mundial, ou a creación dunha figura para recoñecer itinerarios culturais de interese

A folla de ruta para o sector cultural inclúe o apoio ao sector do libro, a posta en marcha do proxecto ‘Illa de Creación’ en San Simón ou o inicio dos traballos no Teatro Cine Fraga de Vigo

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia manterá o vindeiro ano a senda orzamentaria iniciada no pasado exercicio cun novo incremento dun millón de euros para accións de dinamización do uso da lingua. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia, onde compareceu, acompañado polo seu equipo, para presentar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, no que ascenderán ata os 150M€ para “seguir construíndo unha Galicia que sexa sinónimo de calidade en cultura, lingua ou xuventude”.

“O noso obxectivo é manter a senda de crecemento ao longo de toda a lexislatura”, precisou López Campos, quen detallou que en 2026 este esforzo orzamentario “irá destinado a poñer en marcha as accións resultantes da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega”, o documento no que están a traballar 11 comisións técnicas e que agardamos que comece a súa tramitación parlamentaria no primeiro trimestre do ano. Deste xeito, a Secretaría Xeral da Lingua volve ser un dos departamentos máis reforzados para ir dando forma a unhas medidas que se sumarán as iniciadas xa este ano e entre as que se inclúen os primeiros exames en liña para certificar o Celga 4, a organización de cursos para estranxeiros ou a formación para o persoal dos centros sanitarios e de xustiza.

Ademais do compromiso coa lingua, entre as principais novidades da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o vindeiro ano está a posta en marcha dun plan especial para impulsar a cultura na Ribeira Sacra, no marco da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, ou a creación dunha figura para recoñecer itinerarios culturais de interese autonómico que distinga o labor de concellos e entidades vencellados a rutas que contan cun alto valor cultural e que funcionan como unha importante ferramenta de dinamización cultural.

Neste senso, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude amosouse convencido da potencialidade da Ribeira Sacra e confiado con que acade “a máxima distinción patrimonial da Unesco como xusto recoñecemento ao seu valor cultural excepcional”. Para conseguilo, ademais de impulsar un plan específico para incentivar a programación cultural neste territorio, anunciou que durante o vindeiro ano continuarase traballando no marco do Plan de xestión Ribeira Sacra 2024-2025 concentrando os esforzos na “protección, conservación e posta en valor desta paisaxe”.

Así mesmo, desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural continuarase apostando por “impulsar a restauración e rehabilitación dos bens máis senlleiros do noso país” ao tempo que traballamos para recuperar o patrimonio afectado polos incendios do verán. “Todo isto acompañado do intenso traballo técnico feito para adaptar a Lei de Patrimonio Cultural á realidade, axilizar os procedementos, desburocratizar a tramitación e garantir unha protección máis eficaz  e coherente do noso patrimonio”, precisou López Campos antes de explicar a proposta de suprimir a necesidade de permiso por parte da Consellería de Cultura en determinados casos para que sexan os propios Concellos os que, xunto co procedemento de concesión de licenzas, poidan autorizar as intervencións.

Impulso de 3M€ para o sector do libro

Outro dos departamentos que verán incrementado o seu orzamento de 2026, será a Dirección Xeral de Cultura, que contará cun 2,5% máis co obxectivo de continuar acompañando ao sector “nun momento no que a cultura vive unha situación extraordinaria e no que a calidade e o talento agroman desde calquera recanto do país”. Neste senso, a folla de ruta para o sector cultural terá especial incidencia no ámbito do libro e da lectura “onde manteremos o noso apoio aos diferentes axentes da cadea de valor cun investimento de 3 millóns de euros para o vindeiro ano”.

Este apoio permitirá poñer en marcha unha batería de medidas específicas para impulsar a promoción, produción e edición de libro en galego, que contará con 450.000€, así como avanzar nas accións previstas no Plan de dinamización da Lectura Galega, no que se inclúe un investimento de 1,1M€. “Isto irá acompañado de actuacións no ámbito das bibliotecas como a presentación do terceiro Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, a consolidación do servizo móbil A Furgoteca ou a mellora da formación cun ambicioso programa de bolsas que chegará tamén aos arquivos e museos”, apuntou o conselleiro.

Ademais do ámbito do libro, a dinamización e fomento da cultura chegará tamén a outros sectores con incidencia en todo o territorio e impacto na sociedade a través de programas directos, subvencións e convenios con concellos e entidades culturais ou mediante a posta en marcha de proxectos como Illa de Creación, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude levará a cabo na Illa de San Simón para potenciar a creación na literatura, nas artes visuais, nas escénicas ou no audiovisual. “Esta nova iniciativa reverterá nun investimento de preto de medio millón de euros neste espazo”, resaltou López Campos.

Así mesmo, cómpre salientar os investimentos previstos noutras cidades como a primeira achega de 1,5M€ para iniciar as obras no Teatro Cine Fraga de Vigo, onde o Goberno galego investirá máis de 10M€ ata o vindeiro ano 2028; o apoio aos Consorcios da Cidade de Santiago ou para a Promoción da Música da Coruña, que chegan en 2026 a 3,16 e 3,6M€, respectivamente, ou o apoio en Ferrol para a musealización do Centro Gonzalo Torrente Ballester, co que colaboraremos con 230.000€.

6,5M€ para colaborar co audiovisual galego

No caso das industrias culturais, o responsable autonómico de Cultura explicou que no vindeiro exercicio manterase o apoio aos sectores das artes escénicas, a música e o audiovisual xunto co impulso a outros formatos como o videoxogo. Neste senso, as contas para o vindeiro ano inclúen máis de 6,5M€ en axudas para o sector audiovisual a través das cales se publicará unha nova convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, dotada con 2M€. “Continuamos traballando para afianzar a posición de Galicia como escenario de rodaxes cunhas axudas que está previsto que xeren un impacto económico de aproximadamente 18M€ na nosa Comunidade”, afirmou.

Esta importante contía sumarase á liña de apoio á produción audiovisual, que, un ano máis, incrementa o seu importe para chegar ata os 3,5M€ co obxectivo de “seguir impulsando un sector cuxo desempeño non está deixando indiferente a ninguén como así o demostran os numerosos recoñecementos que acadan os profesionais galegos dentro e fóra das nosas fronteiras”.

No eido da música, López Campos destacou que as Contas de 2026 inclúen unha partida de 120.000€ para financiar as accións resultantes do Plan estratéxico que está elaborando o sector, así como unha achega de 400.000€ para novas axudas de ciclos de concertos. Nas artes escénicas, pola súa banda, ampliarase a Rede Galega de Teatros e Auditorios para que poida chegar a máis concellos, mentres que o Centro Dramático Galego continuará co seu labor de produción propia, así como de coproducións e promoción internacional cun orzamento de 670.000€.

No relativo a outros formatos como a danza ou o videoxogo, cómpre salientar que o Centro Coreográfico Galego pilotará as accións e programas derivados do Plan de danza, aprobado de forma consensuada cos profesionais, mentres que o vindeiro ano activarase unha liña de axudas de 150.000€ para o desenvolvemento de videoxogos, “un ámbito plenamente integrado no ecosistema cultural que non deixa de medrar”.

Insignia da cultura en Galicia

Outro dos grandes piares é a Cidade da Cultura, que, tal e como lembrou o conselleiro, “foi recoñecida este ano como unha das insignias da cultura en Galicia polo Observatorio da Cultura, un estudo feito pola Fundación Contemporánea que leva os últimos anos situando ao Gaiás entre as principais institucións do país”. Neste senso, como principais obxectivos, fíxase o desenvolvemento dun ambicioso programa, a inauguración do primeiro Centro de Artes Dixitais, a ampliación do programa de residencias e o impulso dun plan de itinerancias para consolidar o Gaiás como “unha factoría cultural capaz de exportar proxectos a toda Galicia”.

Para conseguilo, as contas recollen unha partida de 15M€ que permitirá poñer en marcha estes proxectos, así como dar soporte ao funcionamento dun complexo que, máis alá da súa actividade cultural, representa un dos principais pulmóns verdes da cidade e un dos grandes centros de eventos galegos, ademais de albergar un milleiro de traballadores de institucións da Administración tan relevantes como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais, das tres universidades galegas ou do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Residencias xuvenís en Vigo e na Coruña

Finalmente, no que atinxe á Xuventude, os esforzos orzamentarios volverán estar orientados ao impulso de políticas que favorezan o emprego e a emancipación xuvenil. Neste eido, cómpre salientar que a Consellería de López Campos e a de Vivenda e Planificación de Infraestruturas volverán colaborar en novas opcións de aloxamento para os mozos e mozas menores de 36 anos. Así, ademais dos proxectos que xa iniciamos este ano de pisos compartidos e temporais, o vindeiro ano tamén se porán en marcha os traballos para a construción de residencias xuvenís nas cidades da Coruña, onde decidiremos a localización e comezaremos os traballos técnicos, e Vigo, onde está previsto crear unha nova dotación na zona do Ofimático.

Isto compleméntase cunha nova edición do Bono Emancípate, creado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para axudar aos mozos e mozas a facer fonte aos primeiros gastos derivados da emancipación, que en 2026 medrará ata os 3M€. Cómpre salientar que esta medida, solicitada por máis de 3.700 persoas, chegou este ano a máis de 900 mozos e mozas e que esta mesma semana, como “resposta á gran demanda”, o Goberno galego anunciou a ampliación do gasto en 250.000€ para aumentar a súa incidencia. “Apostamos por realizar un esforzo e chegar neste mesmo ano a máis persoas, antes de iniciar os trámites da próxima edición de 2026, dando conta así do noso compromiso coa xente moza e coa mellora da súa calidade de vida”, apuntou López Campos. Este apoio, que será de 1.500€ no caso de arrendatarios e de 3.000€ para os que adquiran unha vivenda, irá destinado, así, á adquisición de mobiliario, diversos artigos do fogar como a decoración, obxectos do baño ou téxtil, ademais de certos electrodomésticos esenciais.

No caso do emprego, seguirase afondando no eido da inserción laboral dos mozos con programas como o Xuventude Mentoring, que contará cun millón de euros, ou cunha nova convocatoria das axudas ao carné de conducir para vehículos e motos, ás que destinaremos 800.000€. Todo isto acompañado de medidas de lecer como a Campaña de verán, que nesta nova edición volve contar cun orzamento de case 5M€ para seguir mellorando as experiencias dos máis novos e ofertar unha ampla cantidade de prazas espalladas por todo o territorio.

Comparte