Nova: A Xunta dota con 430.000€ as axudas ás salas privadas de artes escénicas para o bienio 2026-2027
27/10/2025
A Xunta dota con 430.000€ as axudas ás salas privadas de artes escénicas para o bienio 2026-2027
- O Consello autoriza as bases desta convocatoria, que pasa de ser anual a bienal para atender as necesidades de estabilidade financeira a medio prazo dos pequenos espazos de exhibición de espectáculos escénicos de xestión privada
- Coa súa próxima publicación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abrirá o programa de subvencións autonómicas ás industrias culturais galegas para 2026
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025.- O Consello da Xunta de Galicia deulles hoxe luz verde ás bases das subvencións para salas de artes escénicas de titularidade privada, que pasan a xestionarse bienalmente de xeito que a súa próxima convocatoria contará cunha dotación de 430.000 euros, distribuídos ao 50% entre 2026 e 2027.
Con esta novidade, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca respostas ás necesidades trasladadas polas propias salas no sentido de lles ofrecer un horizonte plurianual de apoio que lles permita planificar e desenvolver os seus proxectos a medio prazo cunha maior seguridade financeira.
Poden optar a elas salas escénicas de xestión privada, cunha capacidade máxima de 150 localidades e que teñan acreditada a realización dun mínimo de 50 representacións no ano 2025, entre outros requisitos.
Subvencións de ata 75.000 euros por anualidade
Cada unha das entidades beneficiarias poderá obter unha axuda máxima de 75.000 euros por cada anualidade, cun límite do 75% do gasto subvencionable. A contía recibida destinarase a gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.
A súa concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva a partir da avaliación dunha comisión, que terá en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2025. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, son outras das cuestións que se valorarán, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.
Os espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e os coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú son desde 2020 os catro adxudicatarios destas axudas, en virtude das que integran a Rede Galega de Salas, un dos circuítos de artes escénicas promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Con estas subvencións, a Xunta de Galicia contribúe a garantir a estabilidade do funcionamento destas salas, que destacan polo seu labor a prol da creación de públicos e como dinamizadoras culturais. Ademais, xogan un destacado papel á hora de aumentar as posibilidades de contratación das compañías galegas, en especial das formacións de recente creación e das que apostan polas tendencias máis contemporáneas ou por públicos específicos, como o familiar.
Coa súa próxima convocatoria no Diario Oficial de Galicia, porase xa en marcha o programa anual de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para 2026 nos sectores profesionais das artes escénicas, a música e o audiovisual.
