Nova: Anxo M. Lorenzo inaugura no Gaiás unha exposición fotográfica para visibilizar a realidade das persoas con dano cerebral adquirido

22/10/2025

Anxo M. Lorenzo inaugura no Gaiás unha exposición fotográfica para visibilizar a realidade das persoas con dano cerebral adquirido

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás a exposición fotográfica Contemos Multitudes. Dano Cerebral Adquirido: onde as cousas volven a estar ben, que propón visibilizar a realidade das persoas que conviven con esta discapacidade. A iniciativa,  liderada por Dano Cerebral Galicia, conta co apoio da Xunta de Galicia a través das Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Política Social e Igualdade.

A exposición está composta por un total de 58 imaxes estruturadas en dúas seccións. Por unha banda, exhíbense 21 retratos de persoas con dano cerebral adquirido realizados polo premiado fotógrafo compostelán Fuco Reyes. Pola outra, inclúense 37 instantáneas que son o resultado da experiencia artística realizada por 40 persoas con dano cerebral adquirido, que se puxeron detrás da cámara ao longo dun obradoiro de técnica fotográfica co propio Fuco Reyes. A través desta mostra, que se exhibe no vestíbulo do Museo Centro Gaiás ata o vindeiro 8 de decembro, as persoas visitantes poden afondar nun relato biográfico que se achega ás secuelas do dano cerebral e á fractura vital que implica a chegada dunha discapacidade que irrompe dun momento ao outro.

Comparte