Nova: Belén do Campo asiste á primeira actuación do proxecto “Opera Kids” da asociación de Amigos da Ópera que conta co respaldo da Xunta

21/10/2025

Belén do Campo asiste á primeira actuación do proxecto “Opera Kids” da asociación de Amigos da Ópera que conta co respaldo da Xunta

A delegada da Xunta explicou que o obxectivo desta iniciativa é demostrar que a ópera pode ser inclusiva e emocionante tamén para os máis pequenos, despertando a curiosidade e o interese polas artes a través do xogo, a sorpresa e a experiencia directa

A Coruña, 21 de outubro de 2025

A delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, asistiu á primeira das actuacións do proxecto educativo “Ópera Kids”, promovido pola Asociación de Amigos da Ópera co respaldo da Xunta de Galicia. Esta iniciativa achega aos nenos e nenas ao mundo da ópera, utilizando a transversalidade deste xénero artístico para fomentar aspectos artísticos, culturais e sociais entre os máis novos.

Durante a súa visita, Belen Do Campo destacou a importancia de proxectos como este, que combinan música, teatro e aprendizaxe vivencial, e que permiten potenciar a creatividade, o traballo en equipo e a sensibilidade artística dos participantes. “Ópera Kids” demostra que a ópera pode ser inclusiva e emocionante tamén para os máis pequenos, despertando a curiosidade e o interese polas artes a través do xogo, a sorpresa e a experiencia directa.

A temporada 2025 de “Ópera Kids” celebrarase os días 21 e 22 de outubro no Auditorio de AFundación, con catro sesións distribuídas en dúas xornadas consecutivas. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 11 anos, procedentes de distintos centros educativos da cidade, participando máis de 1.000 escolares. Concretamente, hoxe martes asisten os CEIP Fogar de Santa Margarita, Curros Enríquez e Cidade Vella na primeira sesión e na segunda o Centro Público de Educación Especial Rosario, e os CEIP Novo Mesoiro e Víctor López Seoane. En total 533 rapazas e rapaces. Na xornada de mañá mércores 22 de outubro participarán os CEIP Grande Obra de Atocha, Eusebio da Garda e Rosalía de Castro na primeira sesión e na segunda os CEIP San Pedro de Visma, San Francisco Javier e Concepción Arenal, total 551 alumnas e alumnos.

A iniciativa, que celebra xa a súa cuarta edición, é de balde para os centros educativos, reforzando o cmpromiso da Asociación de Amigos da Ópera e da Xunta coa accesibilidade universal á cultura.

Belén do Campo explicou que o proxecto persegue dous grandes obxectivos: fomentar a educación musical desde idades temperás e ampliar o coñecemento e a apreciación da ópera como xénero artístico integral, que une música, teatro, literatura, danza e artes visuais.

O espectáculo, cunha duración aproximada dunha hora, estrutúrase en dous bloques principais: unha introdución á ópera, que ofrece un percorrido accesible desde os seus orixes no Barroco ata o século XX, e un concerto didáctico, onde a teoría cobra vida mediante experiencias musicais en directo. Durante a actuación, os intérpretes presentaron fragmentos de obras líricas recoñecidas, permitindo que os nenos se familiaricen con distintas épocas, estilos e emocións, e promovendo a interacción directa cos cantantes.

Belén do Campo subliñou que “educar é a mellor forma de preservar e proxectar a ópera ás novas xeracións, e que este tipo de actividades non só cumpre unha función divulgativa, senón tamén transformadora”.

Comparte