Nova: Anxo M. Lorenzo salienta o labor da Xunta para “sumar con éxito” a cultura na transformación do rural

21/10/2025
Anxo M. Lorenzo salienta o labor da Xunta para “sumar con éxito” a cultura na transformación do rural
O representante do Goberno Galego destaca o valor da programación e creación artística nestes territorios, ao abeiro da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia
Ribadavia (Ourense), 21 de outubro de 2025.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe o “importante labor” da Xunta para “sumar con éxito a cultura na transformación e dinamización que está a vivir o rural, convertendo este territorio non só en receptor senón tamén en creador e viveiro de contidos”.
Fíxoo na inauguración da nova exposición do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Narrativas futuras. As ruínas do rural, de Alba Casas e Adrián Rivero, “que afondan e reflexionan sobre as interesantes posibilidades e capacidades que posúe este territorio”. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cualificou de “esperanzador para o futuro do rural e da cultura galega o cada vez máis presente interese das xeracións máis novas por conectar e revitalizar o rural”, en referencia a este proposta que pode verse no centro museístico da Xunta ata o 5 de novembro.
A respecto, gabou que este tipo de traballos “fuxan da ollada nostálxica e se baseen nunha interpretación crítica do presente para achegar posibles construcións ou reconstrucións futuras”. Por estes motivos, Anxo M. Lorenzo considerou relevante que estes propostas artísticas “non se dirixan ao rural como mero público, senón se constrúan e xermolen desde o mesmo rural”. Ademais, valorou que se poidan ver en espazos fóra das grandes cidades ou poboacións urbanas, como é o caso do Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Neste contexto, fixo fincapé no “valor dinamizador” que ten a cultura nas pequenas poboacións e no “compromiso total” por parte do Goberno galego “en garantir que teñan un acceso universal á mesma”. Precisamente, subliñou que esta é a estratexia que se puxo en marcha ao abeiro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que entrou en vigor a principios de ano, “e que está a demostrar a súa eficacia para descentralizar a programación e creación cultural por toda Comunidade e evitar que o territorio impoña lindes artísticos”, concluíu.