Nova: A Xunta e Afundación achegan a Lugo a realidade sociocultural da Galicia dos anos sesenta con fotografías de Nicolás Muller

21/10/2025
A Xunta e Afundación achegan a Lugo a realidade sociocultural da Galicia dos anos sesenta con fotografías de Nicolás Muller
A exposición recolle medio cento de imaxes de olla humanista, tiradas por un dos grandes documentalistas da Europa do s. XX durante as súas viaxes pola Comunidade
O Goberno galego reafirma a súa aposta polas itinerancias das mostras que se xestan na Cidade da Cultura co fin de facelas chegar a toda a poboación
Comisariada por José Ferrero, pode visitarse ata o vindeiro 21 de febreiro
Lugo, 21 de outubro de 2025
A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, inaugurou hoxe en Lugo a exposición Nicolás Muller en Galicia na Sede Afundación, entidade colaboradora deste proxecto na cidade que recolle imaxes dun dos grandes documentalistas da Europa do s. XX durante as súas viaxes á Comunidade. A mostra forma parte do programa de itinerancias que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve co Gaiás e pode visitarse ata o vindeiro 21 de febreiro.
Esta exposición nace a raíz do proxecto Nicolás Muller. Vento Norte, que acolleu o Museo Centro Gaiás en 2023 comisariada polo tamén fotógrafo José Ferrero e que visitaron máis de 14.000 persoas. Tras a súa boa acollida, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en marcha esta mostra itinerante, tamén comisariada por José Ferrero, con imaxes que o artista sacou durante as súas viaxes á nosa comunidade. Tras pasar polo Museo do Mar de Galicia en Vigo, agora achégase á Sede Afundación en Lugo.
Con esta nova colaboración, o Goberno galego reafirma a aposta da institución pola itinerancia de exposicións que se xestan no Gaiás e que viaxan a outras localidades co fin de achegar a cultura a toda a poboación. Ao respecto a directora xerente da Cidade da Cultura salientou “a importancia de tecer redes con organizacións que traballan para espallar a cultura por todo o territorio como Afundación”. Na inauguración estivo acompañada de M. Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación; Zaira Dapena, directora territorial de ABANCA en Lugo; Ana Muller, filla do fotógrafo; e José Ferrero, comisario da exposición.
Nicolás Muller en Galicia ofrece unha selección de 49 imaxes que retratan con humanidade e proximidade as clases máis desfavorecidas, das cales 34 non foran expostas nin publicadas antes da creación desta mostra. O proxecto expositivo inclúe tamén un audiovisual que contextualiza a figura do autor desde unha óptica actual, destacando a relevancia do seu traballo para achegarnos ao noso pasado e comprendernos como sociedade.
O foco posto nas persoas
Nicolás Muller (Orosháza, Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) é considerado un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século. Viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pedira a creación de instantáneas para unha serie de libros que debían mostrar unha imaxe moderna de España. O seu obxectivo era romper o illamento do país e, ao mesmo tempo, tornalo atractivo para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, as fotografías de Muller reflicten unha fonda ollada humanista, centrándose nas xentes traballadoras, as mulleres e os nenos.
A mostra encádrase no programa de itinerancias desenvolvido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co obxectivo de levar a programación do Gaiás a vilas e cidades dentro e fóra de Galicia. No que vai de ano, esta iniciativa xa suma doce citas en lugares como Vigo, Baiona, Tui, Ponteareas, Ribadavia, Pontevedra, A Coruña, Madrid, Zamora e, agora, Lugo con proxectos como Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, A Vía da Prata. Aires do Sur, Vikingos. Unha mirada desde Galicia, Outras Historias Posibles ou Hábitats. Natureza extendida.