Nova: A Xunta declara Ben de Interese Cultural os murais de Lugrís na rúa Olmos da Coruña

20/10/2025
A Xunta declara Ben de Interese Cultural os murais de Lugrís na rúa Olmos da Coruña
- O Consello dá o visto e prace á proposta de decreto para recoñecer as doce obras coa máxima protección polo seu valor cultural sobranceiro
- A resolución valora que o conxunto pictórico merece formar parte do patrimonio máis senlleiro galego pola súa calidade e contexto artístico
- A declaración farase oficial nos vindeiros días coa publicación no Diario Oficial de Galicia
- Con esta aprobación, xa son 792 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia
A Xunta de Galicia declara Ben de Interese Cultural os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña, na categoría de monumento, pola alta calidade artística das obras que, ademais, foron realizadas por unha das personalidades máis destacadas da arte galega. Así se acordou no Consello, onde se lle deu o visto e prace ao decreto co que se recoñece o valor sobranceiro do conxunto mural, merecedor de contar coa máxima protección da Comunidade.
A declaración, que se fará oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, valora que as 12 obras que compoñen o conxunto mural merecen formar parte do patrimonio cultural sobranceiro da comunidade pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.
Neste senso, o expediente pon en valor que se trata dun conxunto artístico complexo e cun carácter excepcional no que a pintura e a arquitectura forman parte dun todo único e só como tal pode comprenderse na súa auténtica dimensión artística. Así mesmo, recoñécese o carácter excepcional destas pezas dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís ao no conservarse ningún conxunto desta natureza que de testemuño do nivel que chegou a adquirir no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.
Por outro lado, tense en conta que este conxunto é a representación máis evidente das experiencias persoais e culturais que marcaron a definición dun estilo propio e único, xa que reflicten os diferentes mundos do universo lugrisiano anteriores a outras influencias aprendidas. Neste senso, cómpre destacar que o pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memoria social que xa existía no século XIX, e que o conxunto de pezas formaba parte deste antigo local de hostalaría que ocupaba os andares baixo e primeiro de ambos os dous inmobles.
Trátase dun total de 12 pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, sereas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panorámicas da cidade, entre outros temas. Así, entre os elementos que aparecen representados destacan a Torre de Hércules, a antiga Comandancia da Mariña da Coruña ou o Castelo de San Antón.
Con esta aprobación, xa son 792 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.