Nova: A Xunta destina 2,8 M€ en 2026 para actuacións na Catedral de San Martiño de Ourense

20/10/2025
A Xunta destina 2,8 M€ en 2026 para actuacións na Catedral de San Martiño de Ourense
- O Consello dá conta desta nova achega feita ao abeiro do Plan Catedrais de Galicia e que eleva o investimento feito polo Goberno galego neste ben a 6,3M€ desde 2009
- Actualmente, están en licitación, por máis de 315.000€, as obras para restaurar o ciborio interior e dotar dunha nova iluminación ao templo
- Nos vindeiros meses, iniciaranse os trámites para contratar a redacción do proxecto para reparar as cubertas na torre de San Martiño, nas naves, no cruceiro e no arquivo, cuxos traballos contarán cun orzamento de 2,5M€
A Xunta de Galicia destinará o vindeiro ano 2026 2,8M€ para levar a cabo actuacións de restauración na Catedral de San Martiño de Ourense. Así se deu conta hoxe no Consello, onde se informou de que estas actuacións, impulsadas ao abeiro do Plan Catedrais de Galicia, elevan o investimento feito neste ben ata os 6,3M€ desde o ano 2009.
Así, no marco do compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cun dos principais templos do Camiño de Santiago, actualmente están en licitación os traballos para restaurar o ciborio interior e dotar dito elemento dunha nova iluminación. O obxectivo desta actuación, dotada con máis de 315.000€, é, logo dos resultados obtidos durante a fase de estudio previa, resolver as patoloxías relacionadas coas filtracións de auga e os problemas de humidade que afectan ao ben. Así mesmo, buscarase poñer en valor este espazo e permitir o uso litúrxico no prebisterio mediante a reordenación do cableado e a instalación dun novo sistema de luces.
Para conseguilo, actuarase nos paramentos con tarefas de saneado e limpeza, eliminación de xuntas deterioradas, renovación do rexuntado, reparación de gretas, fixación de desprendementos ou consolidación e reintegración en zonas concretas. Ademais, está prevista a revisión e o control estrutural no primeiro tramo das naves, a mellora da toma de terra do pararraios e a substitución do pavimento da zona do altar e a limpeza das fábricas interiores da torre do reloxo.
Por outra banda, nos vindeiros meses, iniciarase o procedemento administrativo para contratar a redacción do proxecto para reparar as cubertas na torre de San Martiño, nas naves, no cruceiro e no arquivo. Trátase dunha ambiciosa actuación que contará cunha partida de 2,5M€ e cuxos traballos prevese que se poñan en marcha a finais do ano 2026. Neste caso, a finalidade é substituír as cubertas mellorando o sistema de impermeabilización e deseñar unha nova rede de evacuación de pluviais que garanta as necesidades de evacuación de choiva, así como a saída de augas cara o exterior das fábricas en situación de incapacidade ou de extrema situación metereolóxica.
Ambas as dúas propostas, cofinanciadas co programa Galicia Feder 2021-2027, suporán un paso importante no plan deseñado para a conservación da catedral ourensá, na que se vén intervindo nos últimos anos con diversos proxectos.
Posta en valor e conservación do templo
As actuación na basílica ourensá correspóndense coa liña de traballo do Goberno galego destinada a garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade estean nas mellores condicións de conservación e mantemento, nomeadamente con aqueles bens vencellados ao Camiño de Santiago. Así, tomouse como referencia a restauración feita na Catedral de Santiago, punto de partida dun plan que vela, cun orzamento de 38 M€, polo bo estado dos oito principais templos galegos: as catedrais de Santiago de Compostela, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, a antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e as concatedrais de San Xiao de Ferrol e Santa María de Vigo.
No caso da Catedral de San Martiño de Ourense, un dos principais templos da Vía da Prata, desde a Xunta lévase actuando para a conservación do seu valor con distintas intervencións nos últimos anos, sendo algunhas das máis recentes as vencelladas á restauración da fachada occidental e da Torre de San Martiño, da vidreira da arcada románica, do brazo norte do cruceiro, do retablo da Asunción, das reixas e púlpitos do altar maior ou da decoración románica. Desde o 2009 tamén se levaron a cabo traballos de reforma do sistema eléctrico e obras de urxencia para paliar certos deterioros, así como actuacións no Nartex, a restauración do Pórtico do Paraíso ou do Órgano maior.