Nova: A Cidade da Cultura despide o próximo domingo a instalación inmersiva ‘Orixes’ con case 30.000 visitantes e as entradas esgotadas

19/10/2025

A Cidade da Cultura despide o próximo domingo a instalación inmersiva ‘Orixes’ con case 30.000 visitantes e as entradas esgotadas

Entre os asistentes inclúense máis de 5.000 estudantes dun centenar de centros de ensino de Galicia, que poden participar na experiencia de maneira gratuíta  no marco dunha saída didáctica 

‘Orixes’ acaba de ser nomeada como candidata aos prestixios premios internacionais XR Awards, que recoñecen as propostas máis destacadas do ano no eido das tecnoloxías inmersivas e dixitais

O proxecto, pensado para todos os públicos a partir dos 8 anos, propón unha viaxe a través da evolución da vida no planeta Terra, ao tempo que promove a conciencia medioambiental, especialmente entre as xeracións máis novas

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2025

A experiencia inmersiva Orixes pecha as súas portas na Cidade da Cultura o vindeiro domingo 26 de outubro coas entradas practicamente esgotadas e un balance de asistencia total que se achegará aos 30.000 visitantes. A instalación, que combina creatividade e tecnoloxía nunha aposta por achegar ao público galego propostas innovadoras no eido das artes dixitais, recrea unha viaxe a través da evolución da vida no planeta Terra, ao tempo que promove a conciencia medioambiental, especialmente entre as xeracións máis novas.

Esta experiencia lúdica e didáctica tivo unha grande aceptación por parte do sector educativo, recibindo numerosas visitas de alumnado de centros de ensino de toda Galicia. Así, entre as persoas visitantes desde a súa apertura no Museo Centro Gaiás en febreiro, inclúense máis de 5.000 estudantes dun centenar de centros que puideron visitar a instalación de xeito gratuíto no marco dunha saída didáctica.

Concibida para todos os públicos a partir de 8 anos de idade, Orixes encádrase na aposta da Xunta de Galicia polas artes dixitais, sector emerxente e punteiro no que o Gaiás aspira a situarse na vangarda coa construción do Centro de Artes Dixitais, que remata as súas obras este mesmo ano e prevé a súa posta en funcionamento no segundo semestre de 2026.

Recoñecemento internacional

Orixes acaba de ser seleccionada entre as finalistas aos premios internacionais XR Awards, galardóns que recoñecen os proxectos máis destacados do mundo no eido das tecnoloxías inmersivas e dixitais. A proposta galega é unha das candidatas na categoría de Mellor experiencia artística, que busca premiar a excelencia técnica no emprego das tecnoloxías de realidade virtual, aumentada e mixta como medio artístico e expresivo. O vindeiro 9 de decembro, en Bruxelas, celebrarase a gala na que se elixirán os gañadores.

Os premios están organizados pola Academia Internacional de Realidade Estendida como un recoñecemento á innovación no eido das tecnoloxías inmersivas a nivel global. Recoñecidos como referencia internacional, estes galardóns buscan impulsar proxectos pioneiros e fomentar unha comunidade que conecta a profesionais e innovadores do ámbito tecnolóxico de todo o mundo.

Arte e tecnoloxía accesible

Orixes está dirixida polo artista visual Carlos Seijo e desenvolvida polo estudio galego Maxina, especializado no campo das artes visuais, o modelado e animación 3D, que realizou proxectos para institucións e empresas galegas e españolas próximas á ciencia, a arte, a innovación e a cultura, como a propia Xunta de Galicia, Afundación, Netflix, Ferrovial, ou o Guggenheim de Bilbao, entre outras.

O proxecto emprega tecnoloxía de realidade mixta, na que as capas de realidade virtual se superpoñen á arquitectura física ao longo dun percorrido por máis de 1.200 m2 de superficie do primeiro andar do Museo Centro Gaiás. Deste xeito, provistas das lentes de realidade virtual, as persoas visitantes poden ver e camiñar por ambos mundos, o físico e o dixital. 

En liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, a instalación aposta ademais por unha escenografía sen barreiras arquitectónicas e unha experiencia o máis inclusiva posible, incorporando elementos como chalecos táctiles de vibración, unha tecnoloxía que mellora a percepción sensorial, especialmente no caso de persoas xordas ou con dificultade auditiva.

Comparte