Nova: A Xunta impulsa a difusión da música clásica a través da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía

17/10/2025
A Xunta impulsa a difusión da música clásica a través da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste ao primeiro concerto da tempada 2025/2026 na que a sociedade celebra o seu décimo aniversario
O galardoado e recoñecido Cuarteto Casals é o encargado de dar hoxe o pistoletazo de saída á serie de concertos
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a implicación da Xunta na promoción e difusión cultural da música clásica. Fíxoo no concerto inaugural da tempada 25/26 da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía, que celebra o seu décimo aniversario cunha serie de concertos especialmente deseñados para conmemorar esta efeméride que contan co apoio do Goberno galego.
“É un orgullo poder celebrar este aniversario e facelo achegando unha vez máis esta disciplina musical a toda a sociedade”, valorou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que puxo en valor o compromiso de Administración autonómica para facilitar que a entrada fose de balde para todo o público asistente.
O Cuarteto Casals, un dos cuartetos de corda máis destacados do panorama internacional, foi o encargado de dar comezo a esta serie de concertos. Trátase da súa primeira vez nas sedes da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía, ademais do seu primeiro concerto na cidade nos seus máis de 27 anos de longa traxectoria artística chea de éxitos e recoñecementos como o Premio Nacional de Música.
“A elección desta agrupación pon en valor a calidade musical dunha xeración de músicos españois que están a acadar un altísimo recoñecemento internacional”, destacou Lorenzo. O ciclo continuará o próximo 20 de novembro coa actuación da Orquesta Sinfónica de Galicia no auditorio de Vilagarcía de Arousa e continuará hasta maio de 2026.