Nova: A Xunta mostra no CGAC a primeira exposición monográfica en España sobre videoarte en Centroamérica

16/10/2025
A Xunta mostra no CGAC a primeira exposición monográfica en España sobre videoarte en Centroamérica
López Campos considera que o proxecto confirma o centro museístico como “punta de lanza da arte contemporánea arriscada, brillante e sobre todo, comprometida”
Recompílase o traballo de 16 artistas deste territorio na década dos anos 90 do pasado século que permite ter unha perspectiva social e histórica dos seus países
Comisariada por Santiago Olmo e Rossina Calazi, pode verse ata o 18 de xaneiro de 2026
Santiago de Compostela, 16 de outubro 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea a exposición Territorio. Videoarte desde Centroamérica, da que salientou que “ten como fito ser a primeira mostra monográfica en España sobre esta práctica artística nestes países”.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego explicou que o proxecto recompila as videoperformances de 16 artistas deste territorio do continente americano realizadas ao longo da década dos anos 90 e principios do 2000, “o que nos permite ter unha interesante ollada da realidade política, social e cultural dos seus países de procedencia”.
Neste senso, López Campos puxo en valor o relevante desta exposición por “permitir achegar ao público á escena artística de Centroamérica, unha das menos coñecidas de América Latina”. Por estes motivos, considerou que, con esta proposta, o centro museístico da Xunta confirma que é "punta de lanza da arte contemporánea arriscada, brillante e sobre todo, comprometida”.
O titular de Cultura do Executivo autonómico fixo fincapé no feito de que, con Territorio, o CGAC “amplía o foco e cunha perspectiva máis ampla” cara a estes países aberto coa exposición retrospectiva da artista costarriqueña Priscila Monge, titulada Cuestións de vida ou morte, inaugurada en xuño deste ano, e tamén a de Luis González Palma, Constelacións do Intanxible, organizada en 2016.
Comisariada polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e a guatemalteca Rossina Cazali, o proxecto permitirá achegarse, ata o 18 de xaneiro de 2026, ao traballo de Patricia Belli, Edgar Calel, Benvenuto Chavajay, Manuel Chavajay, Donna Conlon, María Adela Díaz, Elyla, Regina José Galindo, Jorge de León, MACÚ, Sandra Monterroso, Antonio Pichillá, Naufus Ramírez-Figueroa, Abigail Reyes, Karla Solano e Adán Vallecill.
Tres bloques temáticos
A exposición está estruturada en tres ámbitos temáticos. O primeiro presenta obras de Manuel Chavajay e Regina José Galindo (Guatemala), Donna Conlon (Os Estados Unidos de América/Panamá) e Patricia Belli (Nicaragua). Todos eles exploran a relación entre os elementos naturais, a vida e os conflitos humanos.
Nunha segunda sala, pódese contemplar a obra de Karla Solano (Costa Rica), que traballa co corpo e coa súa expresividade, xunto a obras de artistas indíxenas de Guatemala, como Sandra Monterroso, Antonio Pichillá, Edgar Calel e Benvenuto Chavajay, cuxas creacións se centran no rescate de coñecementos ancestrais e a denuncia da violencia e do racismo. Súmanse a este espazo as obras de Elyla (Nicaragua), quen revisa a historia e a identidade queer; de Abigail Reyes (O Salvador), centrada na emigración, mentres que Naufus Ramírez-Figueroa (Guatemala) afonda na memoria histórica.
O último ámbito da exposición aborda cuestións como a inseguridade urbana e o extractivismo. Nel inclúense traballos de Adán Vallecillo (Honduras), Jorge de León e María Adela Díaz (Guatemala). Tamén se presenta unha serie de vídeos do colectivo Macú, inspirada en eventos que marcaron a sociedade urbana guatemalteca na década dos noventa do século pasado.
En conxunto, a exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea ofrece unha conversación polifónica a través de imaxes e sons que reflicten as sincronías, subxectividades e complexidades do territorio centroamericano, desbordando as súas fronteiras xeográficas.