Nova: López Campos destaca a “implicación e xenerosidade” cos valores das rutas xacobeas das entidades e persoas galardoadas nos XXV Premios Elías Valiña

16/10/2025
López Campos destaca a “implicación e xenerosidade” cos valores das rutas xacobeas das entidades e persoas galardoadas nos XXV Premios Elías Valiña
A Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago Compostelle Bretagne, de Francia, e a Fundación San Antón, de Burgos, son as entidades recoñecidas nesta edición
Ademais, reciben unha mención especial o docente Mario Clavell e o historiador portugués Paulo Sá Machado
O representante da Xunta fai fincapé na importancia destas distincións “pola súa contribución a sensibilizar a sociedade da posta en valor do noso patrimonio”
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe na entrega dos XXV Premios Elías Valiña o “esforzo das persoas e entidades que se implican con algo tan noso como son as rutas xacobeas máis alá, incluso, do noso territorio, defendendo os valores vencellados a elas”.
Así, tal e como lembrou o representante da Xunta durante o acto, no que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, con este galardón o Goberno galego quere “distinguir ese labor revitalizador do Camiño de Santiago por parte de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro tanto dentro como fóra de Galicia”. Deste xeito, recoñécense proxectos que inclúan accións de protección do patrimonio material, de investigación e divulgación, así como o fomento do asociacionismo ou promoción dos valores espirituais, sociais e solidarios que definen ese espírito das rutas.
López Campos felicitou ás dúas entidades premiadas nesta edición de xeito compartido, a Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago Compostelle Bretagne, “polo seu volume de traballo sobre as rutas desde Francia” e a Fundación San Antón “por conservar o espírito hospitaleiro do Camiño desde Burgos”. Tamén enxalzou o labor “desinteresado e xeneroso” das dúas persoas que recibiron as mencións especiais, o docente xubilado Mario Clavell e o historiador portugués Paulo Sá Machado.
O responsable autonómico de Cultura quixo poñer o foco no significado destes premios, que levan o nome de Elías Valiña, o párroco do Cebreiro figura clave na recuperación dos valores do Camiño e impulsor das emblemáticas frechas amarelas, “pola súa contribución a sensibilizar a sociedade, e moi especialmente ás novas xeracións, da importancia de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural, e nomeadamente as rutas xacobeas”.
Premiados
A Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago Compostelle Bretagne destaca polo seu traballo en rutas de peregrinación a Galicia desde a Bretaña e por potenciar os 1.500 quilómetros de sendeiros que a atravesan. Composta na actualidade por máis de 2.100 socios xestiona lugares de información permanente sobre os camiños, realiza funcións de acollida do peregrino e organiza outro tipo de accións como camiñadas, reunións ou exposicións, ademais de contar cun coro que interpreta cancións xacobeas.
Pola súa banda, a Fundación San Antón ten entre os seus principais obxectivos poñer en valor as ruínas do convento de Castrojeriz, en Burgos, para convertelo nun punto importante de peregrinaxe do Camiño de Santiago. De feito, foi grazas ao impulso deste colectivo que se creou un albergue para os camiñantes recoñecido pola súa hospitalidade e austeridade, mantendo a esencia da peregrinación.
No caso das mencións especiais, unha delas recaeu en Mario Clavell, un catedrático catalán que exerceu a docencia en Galicia, entre outros, no Instituto Concepción Arenal de Ferrol e no Xelmírez II de Santiago. Ten difundido a súa experiencia como camiñante en Los Caracoles también llegan a Santiago, ademais de colaborar con artigos relacionados co fenómeno xacobeo en diversos medios. Mentres, Paulo Sá Machado é un recoñecido estudoso do Camiño e do seu percorrido por Portugal. Na actualidade escribe en diversos xornais e presta asesoría cultural en entidades do seu país.