Nova: Entrega de premios do VII Concurso Coca-Cola Novos Talentos

22/05/2015

Entrega de premios do VII Concurso Coca-Cola Novos Talentos

Concedeuse un premio absoluto que recaeu, por decisión unánime do xurado, no relato titulado “Sic Lux Luceat”

Baiona (Pontevedra), 22 de maio de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega do “VII Concurso Coca-Cola Novos Talentos. Premio de Relato Curto”, convocado conxuntamente por Coca-Cola Iberian Partners e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, co obxectivo de promover as destrezas lingüísticas da expresión escrita e da comprensión lectora en galego da mocidade.

No acto, que se celebrou no Parador de Baiona, García Gómez expresou a súa satisfacción por entregar un premio a mocidade que escribe e fala en galego, “porque isto é o que garante o presente e o futuro da nosa lingua”.

21 novos talentos en lingua galega
Ao “VII Concurso Coca-Cola Novos Talentos. Premio de Relato Curto” puido concorrer, por medio dos colexios ou institutos participantes, alumnado de 2º da ESO ata os 16 anos de idade que nunha primeira fase tivo que presentar un relato breve de creación, que nesta edición tivo “luz” como palabra inspiradora. Superada esta fase houbo unha segunda, no mes de abril, consistente nunha proba de selección realizada de forma simultánea en centros educativos das catro provincias galegas, na que o alumnado participante fixo gala da súa habilidade para elaborar un relato breve sobre o tema marcado pola organización do concurso.

De acordo co establecido nas bases, concéderonse tres premios por cada un dos sete sectores recollidos nas bases (un total de 21): A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo, Ourense e Pontevedra. Ademais concedeuse un premio absoluto que recaeu, por decisión unánime do xurado, no relato titulado “Sic Lux Luceat”. O xurado integrárono Alfonso Vázquez Monxardín, María Concepción Blanco Blanco, Manuel Portas, Francisco Castro, Juan Antonio Granados, Sevi Martínez e Gregorio Ferreiro.

Comparte