Nova: O espectáculo de danza Control abre a programación de Cultura no Camiño na Coruña

23/05/2015

O espectáculo de danza Control abre a programación de Cultura no Camiño na Coruña

O ciclo inclúe tamén no mes de setembro na cidade herculina as actuacións dos magos Marco e Richard e o concerto de Radio Cos

  • Imaxe do espectáculo Control

A Coruña, 23 de maio de 2015.- A estrea en Galicia do espectáculo de danza ‘Control’, a cargo do bailarín Javier Martín, abre hoxe sábado no Teatro Rosalía Castro da Coruña a programación para a cidade incluída en Cultura no Camiño, o ciclo cultural e de lecer promovido pola Xunta de Galicia xunto a municipios das diferentes rutas xacobeas.

O creador galego, artista residente do Teatro Rosalía Castro, presentarase ao público galego ás 20.30 horas con esta peza coproducida co Museo da Universidade da Navarra. Martín asume en ‘Control’ un solo-improvisación cun debate posterior como experiencia compartida, que se plasma a partir do concepto de transformación e vai evolucionando para descubrir como a enerxía psíquica se estrutura no corpo.

Esta será a primeira cita na Coruña de Cultura no Camiño, programa deseñado pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e Turismo de Galicia co patrocinio de Gadis, para conmemorar o VIII centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. Dentro desta mesma iniciativa, a cidade herculina acollerá, xa no mes de setembro, as actuacións do Mago Marco (día 5, Fórum Metropolitano, 19.00 h), Mago Richard (día 12, Fórum Metropolitano, 19.00 h) e o concerto de Radio Cos (día 26, Teatro Rosalía Castro, 20.30 h).

Ilusionismo e música tradicional para todos os públicos
O Mago Marco levará a cabo o seu espectáculo ‘Maxia en familia’, unha montaxe para todos os públicos que o ilusionista vén representando desde 2001, e na que combina maxia con pombas, areas de cores, aros chineses, cordas, guillotina máxica, escapismo ou levitación de obxecto.

A maxia volverá ser a protagonista na seguinte actuación prevista, desta volta da man do Mago Richard e a súa proposta ‘Maxia en estado puro’. Nela, a fantasía encherá o escenario con efectos sorprendentes para os que se conta coa participación do público nos números desenvolvidos e cunha alta dose de humor.

Radio Cos, o grupo liderado por Xurxo Fernandes e Quique Peón, dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia, será a última cita de Cultura no Camiño na Coruña. Fernandes e Peón, cantantes e percusionistas da banda, estarán acompañados no escenario por Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violín e Xan Pampín no acordeón. Xuntos ofrecerán un concerto de música tradicional no que soarán as melodías pertencentes aos arquivos dos propios intérpretes, conseguidas a partir dun traballo de campo realizado durante máis de tres décadas.
 

Comparte