Nova: López Campos enxalza a calidade literaria das autoras galegas con recoñecementos dentro e fóra de Galicia

13/10/2025

López Campos enxalza a calidade literaria das autoras galegas con recoñecementos dentro e fóra de Galicia

Salienta o número de Premios Nacionais a obras escritas por mulleres e na nosa lingua

O Goberno galego reúne nun encontro, aberto ao público, a Clara Gayo, Nerea Pallares, Laura Rodríguez e María Solar como representantes do actual talento literario

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe a “excelsa calidade literaria” das autoras galegas, tal e como considerou que demostran os “numerosos recoñecementos que non paran de recibir dentro e fóra da Comunidade”. Fíxoo durante o acto da Xunta de celebración do Día das Escritoras, efeméride que se celebra o luns máis próximo ao 15 de outubro, data do falecemento de Teresa de Jesús.

Co gallo deste día, o Goberno galego colaborou na organización dun encontro, aberto ao público, coas autoras galegas Clara Gayo, Nerea Pallares, Laura Rodríguez e María Solar, “cuxas obras e labor son nidio exemplo e testemuño do gran talento literario e do sector que atesoura Galicia, e no noso idioma”. Así o salientou López Campos sobre as catro participantes neste acto, que foi transmitido pola cadea de radio Ser Galicia, e contou coa participación de Dolores Puerta, da libraría Aenea, e coa lectura de textos destas escritoras por parte da actriz Melania Cruz.

O responsable de Cultura do Xunta subliñou os recoñecementos literarios das participantes e que encadrou “nos numerosos obtidos tamén por outras autoras galegas, moitas delas con galardóns outorgados desde fóra de Galicia”. En concreto, apuntou o recente Premio Nacional de Poesía deste ano, concedido a Miriam Reyes, natural de Ourense.

Premios nacionais por obras en galego

No entanto, López Campos fixo fincapé no feito de que, nos últimos anos, estes Premios Nacionais están a ter “selo galego por partida dobre” xa que celebrou que, ademais de outorgarllos a escritoras nadas en Galicia, “recaeron por obras escritas na nosa lingua”. Deste xeito, López Campos lembrou que antes de Miriam Reyes, recibiu o Premio Nacional de Poesía de 2024 Chus Pato, pola obra Sonora, e ese mesmo ano, Bea Lema levouse o de Cómic por O corpo de Cristo, “ambos os dous en galego”, remarcou.

A estes recoñecementos, o representante do Goberno galego sumou os Premios Nacionais a outras autoras galegas que lles precederon como son Yolanda Castaño por Materia, Olga Novo por Feliz Idade, Pilar Pallarés por Tempo fósil, Alba Cid por Atlas, Berta Dávila por Carrusel, Marilar Aleixandre por As malas mulleres ou Paula Carballeira por As Alumnas.

A esta listaxe, López Campos engadiu a Ledicia Costas, que centrou o acto do Día das Escritoras do pasado ano, e sobre a que salientou que, entre os seus múltiples galardóns, “posúe o de ser a única autora na historia con tres Lazarillo de Literatura Infantil e a única galega con dous White Ravens”.

Galicia, potencia literaria

Para o conselleiro, esta “concentración de galardóns para Galicia” confirman que a Comunidade é un “referente e unha potencia literaria e sen renunciar a nosa lingua”. Neste senso, considerou que a aposta pola creación en galego supón “un pulo de prestixio ao noso idioma” ao tempo que “anima a outros colectivos profesionais a empregalo como ferramenta creativa, ao igual que a sociedade xeral, que conta con estes referentes para animarse a usalo moito mais e en todos os ámbitos”, argumentou.

Precisamente, considerou “un moi bo indicador” de que xa se está a producir este impulso os datos que reflicten diferentes informes. En concreto, referiuse ao Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en España, “que sitúan a Galicia como a sexta comunidade máis lectora, superando a media estatal”. De igual xeito, puxo o foco no feito de que máis do 97% da poboación galega maior de 14 anos le de xeito habitual, “entre os cales un 64 % faino en galego”, celebrou.

Participantes no encontro

O acto da Xunta polo Día das Escritoras, celebrado no Salón Teatro, permitiu coñecer máis polo miúdo o proceso creativo de Clara Gayo, directora teatral e dramaturga de A serie Clopen, do Centro Dramático Galego; Nerea Pallares, Premio de Novela Manuel García Barros con Punto de araña; Laura Rodríguez, directora de Hércules Edicións; e María Solar, gañadora do Premio Xerais coa novela A Culpa.

As catro autoras estiveron acompañadas pola libreira Dolores Puerta e polo director da Biblioteca Pública Ánxel Casal, Jesús Torres, que deron a súa perspectiva sobre o sector do libro e da lectura desde a ollada que lles aportan os seus respectivos traballos e responsabilidades.

Este encontro forma parte do programa de actividades conmemorativas do Goberno galego do Día das Escritoras, que xa comezaron a pasada semana cun obradoiro poético con Olga Novo, organizado pola Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura.

Comparte