Nova: A Xunta contribúe á programación cultural da provincia de Lugo con 45 citas nos escenarios da Rede Galega de Teatros e Auditorios

13/10/2025

A Xunta contribúe á programación cultural da provincia de Lugo con 45 citas nos escenarios da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A carteleira do segundo semestre en Lugo cidade comeza esta semana no Auditorio Municipal Gustavo Freire coa estrea de ‘Ca-co-flex!’, de ALOMAIS Teatro, e a representación de ‘Os senteito’, o novo de Caramuxo Teatro

O circuíto, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 43 entidades locais asociadas, tamén abrangue funcións en Foz, Viveiro, Monforte de Lemos, Ribadeo e Burela

Lugo, 13 de outubro de 2025

A Rede Galega de Teatros e Auditorios renova a súa programación de artes escénicas na provincia de Lugo con 45 funcións de espectáculos de teatro, música e danza programadas ata finais de 2025. Este circuíto, cofinanciado entre o Goberno galego e 43 entidades locais asociadas, contribúe a ampliar e diversificar a oferta cultural de Lugo, Viveiro, Foz, Monforte de Lemos e Ribadeo con 44 citas de teatro e danza para todos os públicos e un concerto a cargo de Uxía en Burela.

A carteleira da Rede no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo ofrece 13 funcións no que resta de ano e arranca esta semana con dous espectáculos que coinciden en levar ás táboas as dificultades para o acceso á vivenda. Este xoves 16, ás 20,30 horas, terá lugar a estrea de Ca-co-flex!, de ALOMAIS Teatro, e o domingo 19, ás 18,30 horas, representarase Os senteito, o novo de Caramuxo Teatro, destinado a público familiar.

Tamén están programadas na cidade da muralla dúas pezas de danza: Dique, de Nova Galega de Danza (31 de outubro), e Coa cabeza nas nubes, de Cía. SÖA (2 de novembro). Ademais, no mes de novembro pasarán pola capital lucense as obras Oh, mammi blue!, de Cinema Sticado (día 6); Un tal Romeo, de A Ramboia (día 13); Fala, fala, falangueira, de Matrioshka Teatro (día 16); Heroes en decembro, de Ancoraxe (día 20), e mais o espectáculo de circo Bagaxe, da man de Arturo Cobas Lema (día 23). Xa en decembro, a carteleira acolle as obras Nas nubes (día 4) e Os contos do Lobicán (día 7), de Redrum Teatro; Os dous de sempre. O regreso, de Mofa e Befa (día 11), e Teatro de papel, da catalá Rauxa Cía (día 14).

Continúa a programación en Foz

Durante os meses de xullo e agosto o público de Foz xa gozou dalgúns dos espectáculos programados ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que conta cunha completa carteleira ata finais de ano na Sala Bahía.

Este escenario acolle este venres 17, ás 20,30 h., a función de Sofá, unha proposta de danza de Marta Alonso Tejada. Tamén durante este mes chegarán As peripecias de Xurxo, unha peza destinada a público familiar (día 22), e Boa sorte, mala fama, da compañía Tarabela Creativa (día 23). En novembro, Foz recibirá os espectáculos Último verán en Santa Cristina, de Teatro do Noroeste (día 7); dous pases de GPA (galego para abrir mundos), de Avelino González (día 14); Bulebule, de Os Náufragos (día 16), e Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións (día 21). Para decembro está programada a proposta familiar Meco e Sono, da compañía Xarope Tulú (día 14).

Oferta en Viveiro, Monforte de Lemos, Ribadeo e Burela

Outros municipios da provincia que forman parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios son Viveiro, Monforte de Lemos, Ribadeo e Burela. A carteleira do Teatro Pastor Díaz, en Viveiro, arrancou a pasada fin de semana e este sábado 18, ás 18,00 horas, ofrece para todos os públicos A nena e o grilo camiño das cores, de Magín Blanco. Para o día 25 deste mes tamén programa outra peza familiar: De aquí para alá coas emocións, de Lydia Botana. Xa no mes de novembro, poderá verse Reconversión, de Ibuprofeno Teatro (día 8); Os tres porquiños, de EducaTeatro Producións (día 15), e Un deus salvaxe, de Talía Teatro (día 29). Para pechar a carteleira anual, a vila acollerá o 6 de decembro Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro.

En Monforte de Lemos, no Edificio Multiúsos, a oferta está formada polos espectáculos O que hai que ver, de Fulano, Mengano e Citano (23 de outubro); Un deus salvaxe, de Talía Teatro (9 de novembro); Insubmisa, de Antagonista Teatro (27 de novembro), e Helen Keller, a muller marabilla?, de Grupo Chévere (4 de decembro).

En Ribadeo, o Auditorio Municipal Hernán Naval acollerá no mes de novembro as funcións de Rosalía, a pulga que escribía, de Galitoon (día 16), e Vitória, de Iria Pinheiro (día 25).

Finalmente, en Burela, a cantante Uxía será a protagonista da única cita musical da provincia no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cunha parada da súa xira Será por flores o próximo 1 de novembro na Casa da Cultura.

560 funcións en Galicia

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e programa 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos no país.

Comparte