Nova: A Xunta leva a Zamora unha exposición para explorar a Vía da Prata a través de figuras imprescindibles da fotografía dos últimos 150 anos

10/10/2025
A Xunta leva a Zamora unha exposición para explorar a Vía da Prata a través de figuras imprescindibles da fotografía dos últimos 150 anos
‘A Vía da Prata. Aires do Sur’ reúne imaxes de fotógrafos clásicos como Nicolás Muller, Otto Wunderlich ou Jean Laurent, e contemporáneos como Ana Turbau, Carmenchu Alemán ou os Premios Nacionais Castro Prieto e Cristina García Rodero
A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presenta a mostra como unha oportunidade para gozar “da riqueza paisaxística e monumental da ruta xacobea que une Sevilla con Santiago de Compostela”
Comisariada por Lucía Laín e producida pola Cidade da Cultura de Galicia, poderá visitarse de balde no Centro Cultural La Alhóndiga de Zamora ata o 3 de decembro
Zamora, 10 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia inaugurou hoxe no Centro Cultural La Alhóndiga de Zamora a exposición itinerante A Vía da Prata. Aires do Sur. A mostra reivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño de Santiago a través da ollada dunha trintena de fotógrafos clásicos e contemporáneos.
Tras estrearse no Museo Centro Gaiás e pasar por cidades como Cáceres, Ourense ou Madrid e acumular máis de 23.000 visitantes, A Vía da Prata chega agora a Zamora. Con estas itinerancias expositivas, a Cidade da Cultura procura establecer vínculos con institucións doutras cidades, así como difundir fóra de Galicia os proxectos culturais que se xestan no Gaiás para achegar a idiosincrasia galega a outros lugares.
A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, destacou A Vía da Prata. Aires do Sur como unha oportunidade de coñecer “a riqueza paisaxística e monumental dunha das rutas que mellor encarna a riqueza patrimonial e a diversidade dos itinerarios xacobeos, a través dun relato evocador de experiencias capturadas nas que o visitante se sitúa, de maneira intencionada, no punto de vista do peregrino”. Na inauguración estivo acompañada da concelleira de Cultura do concello de Zamora, María Eugenia Cabezas, e da comisaria da exposición, Lucía Laín.
A mostra percorre 150 anos da historia da fotografía, desde pioneiros como Jean Laurent ou J. Poujade, pasando por grandes figuras da primeira metade do século XX como José Suárez, Nicolás Muller ou Otto Wunderlich, ata grandes artistas das últimas décadas, nomes como os de Ana Turbau, Carmenchu Alemán, Atín Aya ou os Premios Nacionais Juan Manuel Castro Prieto e Cristina García Rodero, entre outros. Ao seu paso por Zamora, a exposición incorpora instantáneas de dous fotógrafos locais, Luis Salvador e José Antonio Pascual Salvador.
Descentralización da programación da Cidade da Cultura
A mostra encádrase no programa de itinerancias desenvolvido pola Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura co obxectivo de levar a programación do Gaiás a vilas e cidades dentro e fóra de Galicia. No que vai de ano, esta iniciativa xa suma doce citas en lugares como Vigo, Baiona, Tui, Ponteareas, Ribadavia, Pontevedra, A Coruña, Madrid e, agora, Zamora.