Nova: A Xunta adxudica 300.000€ en axudas aos traballos de preprodución de 14 próximas películas e series galegas

10/10/2025

A Xunta adxudica 300.000€ en axudas aos traballos de preprodución de 14 próximas películas e series galegas

  • Publícase a resolución da concesión da convocatoria anual de subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais
  • As contías distribúense entre 12 empresas galegas para sete longametraxes de ficción, unha de animación, cinco documentais e unha serie de televisión

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2025.- O audiovisual galego conta con 300.000 euros para o desenvolvemento de 14 novos proxectos para cinema e televisión, incluidas na liña de subvencións que acaba de resolver a Xunta de Galicia. Con este investimento, o Goberno galego contribúe á fase de preprodución dos próximos títulos de 12 produtoras galegas, entre os que se atopan sete longametraxes de ficción, unha de animación, cinco documentais e unha serie de televisión.

As contías concedidas destinaranse a tarefas anteriores á rodaxe dos títulos subvencionados, como a escrita do guión, asesorías, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación ou elaboración de materiais promocionais, entre outras.

Futuros traballos de Ángeles Huerta, Olga Osorio ou Lois Patiño

Estas subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais estrutúranse en diferentes modalidades. Na categoría A para futuras longametraxes cinematográficas de ficción, hai tres propostas que tamén obtiveron subvención á escrita de guión: Lamprea, de Gaitafilmes con dirección de Ángeles Huerta; A vella e o cocho, producida por Jacobo García Fernández e dirixida por Jacobo Lagüela Castro, e A nena que quería ser Fred Astaire, de Cósmica Producións e con Olga Osorio no guión e dirección. Os outros catro títulos que reciben a axuda nesta modalidade son Adarna, de Matriuska Producciones con Lois Patiño na dirección e no guión;  A hora azul, de Frida Films e Eloy Domínguez como director; Handen, de Sétima S. Coop. Galega con Ángel Filgueira na dirección, e Harmonía, de Cristela Torres Nine e dirixida por Rosalía Quiroga.

Sandwich Cat, de Zeitun Films, é o proxecto seleccionado na modalidade B de animación e será o debut de David Fidalgo como director de lomgametraxes. Na categoría C para longas de cine documental, resultaron beneficiarias A terra das viúvas dos vivos, de Cósmica Producións e coa portuguesa Melanie Pereira na dirección; Que é unha montaña?, de Filmika Galaika e que será a primeira longametraxe de Fran Casal como director; A pel prestada, de Meteórica Cine con Alba Prol como directora; Mala hierba, de Zeitun Films, e A curva do tempo, de Somadrome Films e dirección de Ruth Chao.

Finalmente, na modalidade D para series, recibe axuda CTV para Password, con Lucía Estévez na dirección.

Para a concesión destas subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, avaliáronse aspectos referidos á promoción do novo talento e da igualdade no ámbito da creación galega, a autoría novel, a solvencia da produtora ou o impacto do proxecto no sector audiovisual galego. Tamén se tiveron en conta a orixinalidade da proposta, a súa calidade e a traxectoria do equipo proposto.

 

Comparte