Nova: Ourense convértese en escenario destacado das artes escénicas galegas cunha nova edición do Festival internacional de teatro apoiada pola Xunta

08/10/2025

Ourense convértese en escenario destacado das artes escénicas galegas cunha nova edición do Festival internacional de teatro apoiada pola Xunta

A cita, de carácter internacional, conta coa subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a súa organización

Ofrecerá 24 funcións de 19 compañías en catro sedes da cidade, cunha programación que combina xéneros e temáticas

A carteleira inclúe catro estreas absolutas e pon o foco na creación contemporánea galega

Ourense, 8 de outubro de 2025

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) celebrará do 16 ao 26 de outubro a súa 18ª edición cunha programación ampliada e diversa, que volverá converter a cidade nun punto de encontro para o público e as compañías escénicas galegas e internacionais. A cita conta co apoio do Goberno galego a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no marco da súa liña de subvencións a festivais de artes escénicas, que neste 2025 destina 280.000 euros ao fortalecemento e consolidación destas citas profesionais en toda Galicia.

O Teatro Principal de Ourense, o Liceo Recreo Ourensán, a Sala Emilia Pardo Bazán do campus universitario e a Agrupación Cultural Auriense serán os escenarios das representacións do vindeiro FITO, que celebra a súa maioría de idade expandindo espazos e colaboracións baixo a organización directa do equipo da compañía Sarabela Teatro.

Durante a presentación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, salientou o valor do FITO como espazo de encontro, visibilidade e cooperación entre creadoras e creadores do país e doutras procedencias, e subliñou que a presenza de compañías galegas de referencia, xunto coa participación de novas agrupacións emerxentes, confirma a boa saúde da nosa escena e a súa capacidade de diálogo coa creación contemporánea internacional.

Tecido estable de festivais escénicos

Sutil engadiu que o festival “é tamén unha mostra do compromiso do Goberno galego co fortalecemento do sector”. Neste sentido, destacou que este apoio enmárcase na vontade da Xunta de “impulsar un mapa de festivais descentralizado e variado, tanto en formatos como en disciplinas”, consolidando así un tecido escénico estable e profesionalizado.

Lembrou, ademais, que a liña autonómica de subvencións a festivais de artes escénicas mantén un crecemento sostido, cun aumento superior ao 47 % desde 2020, co obxectivo de fortalecer o sector e impulsar a contratación artística, especialmente das compañías galegas, que deben representar, cando menos, o 30 % da carteleira programada por cada evento.

Cartel diverso con compañías galegas, estatais e internacionais

A programación do FITO 2025 contará con catro estreas absolutas que exemplifican a responsabilidade do festival coa creación contemporánea galega. Así, o mércores 22 de outubro, a Sala Emilia Pardo Bazán acollerá o debut das pezas desenvolvidas no proxecto 67 Graos. Ourense Fervescénica, froito das bolsas de creación destinadas a promover o diálogo interdisciplinar entre artistas. Esa mesma xornada terá lugar na Agrupación Cultural Auriense a estrea de Cuore de Italia, da compañía Priscila, unha proposta híbrida de música e teatro asinada por Fernando González, Vadzim Yuknevich, Fernando Dacosta e Fran Lareu, que ofrece unha viaxe desenfadada pola tradición musical italiana.

O domingo 19 presentarase Sophie non é o meu nome de guerra, da compañía Redrum, un espectáculo inspirado nunha historia real sobre as vivencias dunha persoa emigrante. Finalmente, o venres 24 estrearase no Teatro Principal Xoguetes rotos, de Barrosanta en coprodución con ButacaZero, unha historia ambientada no Vigo industrial dos anos setenta que aborda, a través da amizade entre Mario e Dorin, temas como a identidade e a liberdade persoal.

O festival contará cun total de 19 compañías e 24 funcións en espazos da cidade, combinando temáticas e disciplinas. Entre as galegas, a agrupación Elefante Elegante abrirá o FITO o xoves 16 de outubro no Teatro Principal con Alta costura; ButacaZero presentará Melón pelado o venres 17 no Liceo Recreo Ourensán; Redrum Teatro levará ao mesmo escenario a devandita Sophie non é o meu nome de guerra o domingo 19; e Producións Teatrais Excéntricas porá en escena a súa versión da novela de Castelao Os dous de sempre o sábado 25 tamén no Liceo. As propostas de Elefante Elegante e Excéntricas contaron, ademais, con subvención á creación escénica por parte da Xunta para a súa materialización.

A programación nacional e internacional incluirá Antiga novidade, do creador madrileño Nacho Vera, o sábado 18 de outubro no Teatro Principal; Feliz día, da compañía arxentina Suttotos, o xoves 23 no mesmo espazo; e Amalia y el río, do mítico grupo estremeño Guirigai, que clausurará o festival o domingo 26 tamén no Teatro Principal.

Comparte